O parcheo do Souto de Vea é unha chapuza para pasar as eleccións

«Desde o BNG cremos que hai que levantar o asfalto, polo menos nos anacos que están peor, e volver a asfaltar; a solución rápida de López só servirá para pasar as eleccións

O concello parcheou as fochancas do Souto de Vea, máis dun mes máis tarde de que o BNG da Estrada denunciara o mal estado deste vial. Con todo, no BNG amósanse críticos coa solución, xa que, segundo explica Xoán Reices, «isto é só un apaño para pasar as eleccións, xa que dentro duns meses volverán a saír as fochancas, como aconteceu desde o último bacheo, hai xusto un ano».

«Desde o BNG cremos que hai que levantar o asfalto, polo menos nos anacos que están peor, e volver a asfaltar», afirma Reices, «a solución rápida do concello é unha chapuza».

O candidato do BNG afirma que «o alcalde, que mesmo foi revisar o parcheado chapuceiro que fixeron, dándolle o visto e prace, non respecta aos veciños e veciñas do Souto de Vea e aos centos de persoas que pasan todos os días por este vial, camiño de paso para ir a Santiago de Compostela».

«Por outra parte», engade Reices, «volvemos a insistir en que é necesario pintar o vial, delimitando os carrís e as zonas de aparcadoiro». «Tal e como está agora é un perigo», explica, «é unha irresponsabilidade ter este vial municipal nestas condicións tendo o volume de tráfico que ten».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.