É urxente un aparcadoiro para camións

 En febreiro de 2022 o BNG da Estrada alertamos das consecuencias que ía ter para os transportistas a construción da rotonda do Mercadona, que eliminou as prazas de aparcamento que habitualmente utilizaban estes vehículos de grandes dimensións. Daquela desde o BNG pedimos unha alternativa, pero máis dun ano despois o goberno de López segue mirando para outro lado, ignorando as peticións dos camioneiros.

No BNG cremos que esta é unha necesidade que non se pode seguir obviando, os profesionais do transporte necesitan un espazo amplo e seguro onde deixar os seus vehículos durante os fins de semana ou días festivos. Agora mesmo non hai un espazo habilitado para este fin, e os transportistas vense obrigados a deixalos nas en beiravías e outros lugares que non teñen o ancho suficiente para acoller este tipo de vehículos, o que ten como consecuencia sancións por parte da policía local.

O goberno municipal ten que habilitar un espazo para aparcar os camións, é urxente, os transportistas non poden agardar máis, arriscándose a multas e a roubos de mercancía e combustíbel.

O 28 de maio hai eleccións e elixirase un novo goberno. Se temos responsabilidades de goberno, desde o BNG comprometémonos a buscar unha alternativa, ampla, segura e céntrica para acoller os camións durante a fin de semana ou aos que estean de ruta para que teñan na Estrada o seu punto de parada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.