A Estrada presentará este mes un contrato para cambio de luminarias no casco urbano

O Concello da Estrada sacará este mes a concurso un contrato para o cambio de luminarias no casco urbano. Esta actuación de mellora da eficiencia enerxética conta cun investimento de preto de un millón de euros , segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.

Xa están practicamente elaborados os pregos para este contrato de eficiencia enerxética, que incluirán  dentro da actuación o cambio dos cadros eléctricos, as tomas de terra, o cambio de arredor de 1.800 luminarias pertencentes ao casco urbano e a xestión do mantemento intelixente vinculado á mesma. Un mantemento intelixente que facilitará información básica sobre avarías e diferentes alertas.

Prevese que a oferta se publicará ao longo do mes e, a partir da publicación da mesma, as empresas contarán cun período de 15 días naturais para presentar as súas ofertas para un proxecto que conta cun orzamento de 985.000 euros.

Esta actuación está financiada pola partida destinada ás TIC dentro da Edusi, cuxos fondos en execución ascenden xa a preto dos tres millóns e medio. Trátase de proxectos complicados de xestionar, pero que gracias á labor do equipo encargado de facelo, con máis de 40 persoas implicadas, estamos en disposición de ter en execución o 90 por cento dos fondos ao pechar o ano, sinalou López.

O alcalde engadiu tamén que estes días estanse realizando limpezas de camiños previos aos asfaltados no rural, e que xa se actuou en Figueroa, esta semana estanse asfaltando pistas en Ribela, Montillón e Souto e a partir da vindeira semana será a quenda de Tabeirós, Nigoi e Parada.

Ademais, hoxe recibiu nas instalacións de Axega a un grupo de case 40 persoas, entre alcaldes e cargos de responsabilidade portugueses, que se achegaron ao centro e aos que se lle explicou o modelo de emerxencias integradas de Galicia como exemplo de bo funcionamento.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta