O Concello incorporou sete novos espazos deste tipo nos últimos meses
e tramitou ao longo do ano máis de 130 solicitudes de expedición ou
renovación da correspondente tarxeta.

O Concello da Estrada realizou ao longo deste ano,
da man da Policía Local, un importante traballo de reforzo da sinalización horizontal no
casco urbano, unha actuación que permitiu crear novas prazas de estacionamento
reservadas para persoas con mobilidade reducida e outras específicas para facilitar o acceso
aos establecementos farmacéuticos, entre outras iniciativas.
No caso das primeiras, segundo os datos aportados pola unidade policial, a capital
estradense conta actualmente cun total de 62 prazas de estacionamento reservadas para
persoas con mobilidade reducida, tras a incorporación de sete novos espazos nos últimos
meses. Estas prazas só poden ser utilizadas por vehículos cuxos usuarios dispoñan da
correspondente tarxeta de estacionamento, documento que acredita o dereito a facer uso
destes espazos.
A demanda deste tipo de acreditacións tamén se reflicte na actividade administrativa
municipal. Asi, durante este 2026 o Concello tramitou máis de 130 solicitudes de expedición
ou renovación da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade.
Desde a Policía Local lémbrase que estas prazas (distinguidas coa correspondente
sinalización horizontal) están destinadas exclusivamente aos usuarios que dispoñen da
correspondente tarxeta, que debe colocarse sempre nun lugar visible desde o exterior do
vehículo. Ademais, resulta imprescindible que a persoa titular da acreditación viaxe no
vehículo, xa sexa como condutora ou como acompañante. O uso da tarxeta sen que o seu
titular estea presente constitúe unha utilización indebida e pode dar lugar á correspondente
sanción.
Reforzo
A creación destas novas prazas enmarcouse nun programa máis amplo de mellora e
mantemento da sinalización horizontal da capital estradense. En setembro deste ano, o
Concello anunciou un novo paquete de máis dunha trintena de intervencións en distintas
vías públicas, atendendo tanto ás necesidades detectadas pola Policía Local como ás
peticións trasladadas pola veciñanza.
Entre as actuacións incluídas figuraban o reforzo da sinalización no estacionamento da
Carballeira da Feira, a delimitación de prazas para persoas con mobilidade reducida nesta
contorna e na Zona Deportiva, así como o pintado de novas prazas para motocicletas, liñas
amarelas, vaos e entradas de garaxe. Tamén se contemplaron melloras na organización do
estacionamento en distintos puntos do casco urbano.
Previamente, este tipo de medidas permitiron delimitar unha praza de estacionamento ante
cada unha das escolas infantís de titularidade privada. Estes traballos deron continuidade a
outras intervencións desenvolvidas anteriormente, como a mellora da sinalización dos
pasos de peóns ou a renovación das marcas das zonas de estacionamento de horario
limitado (zona azul e zona verde).
Servizo de farmacia
Dentro do traballo de mellora e ordenación dos espazos de estacionamento, o Concello
tamén habilitou neste ano oito prazas de uso específico para facilitar o acceso ás farmacias.
Estes espazos, que buscan dar resposta ás necesidades de persoas con mobilidade reducida,
idade avanzada ou que padecen algunha doenza, contan cunha sinalización diferenciada,
cun fondo branco e unha cruz verde.
Cómpre ter presente que estas prazas dispoñen dun tempo máximo de estacionamento de
dez minutos e están concibidas única e exclusivamente para acudir á farmacia, de xeito que
non se poden empregar para realizar xestións noutros establecementos, mesmo cando non
se esgotase o tempo máximo autorizado, xa que a súa finalidade é favorecer a rotación e
facilitar que o maior número posible de usuarios poida acceder a este servizo básico.
Aclarar tamén que, no caso de que as farmacias non estean abertas, estas prazas poden
empregarse con normalidade.
















































