José López compromete a reforma do campo de fútbol de Nogueira para dotalo de céspede artificial

• O anteproxecto, que conta co respaldo da Federación Galega de Fútbol, suporá un investimento próximo aos 600.000 euros e o candidato popular veo como «unha oportunidade de dinamización e desenvolvemento da zona» • López aproveita para felicitar ao Vea Club de Fútbol pola recente consecución do ascenso á Segunda Rexional

O candidato do Partido Popular á Alcaldía da Estrada, José López Campos, anunciou hoxe o seu compromiso de reformar durante o vindeiro mandato o campo de fútbol de Nogueira, en Santa Cristina de Vea, de acordo co club e coa Federación Galega de Fútbol para dotalo de céspede artificial e dunhas instalacións máis modernas. Tras lembrar que é un dos poucos terreos de xogo de terra que quedan na contorna, López avanzou que, se resulta reelixido alcalde o vindeiro 26 de maio, «o Vea C.F. disporá do campo que merece un equipo que acaba de ascender á Segunda Rexional». José López avanzou que esta actuación, que conta co visto bo da Federación Galega de Fútbol e que nos vindeiros días exporá persoalmente á directiva do club, suporá un investimento próximo aos 600.000 euros «que o Concello da Estrada está en disposición de asumir debido á súa boa saúde económica», se ben matizou que tentará «implicar a outras administracións no financiamento dun proxecto tan importante». Neste senso, precisou que o presidente da federación, Rafael Louzán, foi un dos impulsores da idea e mesmo se ocupou de encargarlle a un equipo técnico a elaboración dunha memoria valorada. Segundo explicou, a reforma incluirá a dotación dun terreo de xogo de céspede artificial de última xeración cunhas dimensións de 60 x 100 metros, que equivale tanto a un campo de fútbol 11 como a dous transversais de fútbol 7. Ademais, instalaranse sistemas de rego e iluminación, ademais de mellorar o peche perimetral do recinto -incluindo a instalación de redes recollebalóns-. Partido Popular da Estrada  ppdaestrada@gmail.com  636 244 725 (Juan Constenla) José López considera que a modernización desta infraestrutura deportiva é unha mostra «do compromiso do PP co rural e cunha zona tan grande e que aglutina tanta poboación como é todo o val de Vea». «Vemos este proxecto non só desde a perspectiva do apoio ao deporte afeccionado, senón tamén como unha oportunidade de dinamización e desenvolvemento da zona de Santa Cristina de Vea e das parroquias da súa súa contorna, xa que haberá negocios que se beneficiarán da maior actividade que poida acoller o novo estadio», indicou. «O compromiso do PP é cumprir esta promesa que lle trasladamos aos responsables do club, para o que sería preciso pactar a fórmula dunha cesión ao concello, tal e como se fixo no seu día co campo do Callobre», explicou, antes de reiterar a súa felicitación aos xogadores e á directiva do Vea C.F. pola consecución do ascenso

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta