A Rapa das Bestas de Sabucedo aspirará a ser declarada Ben de Interese Cultural inmaterial

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asumiu
esta tarde durante unha visita á parroquia estradense de Sabucedo o compromiso de «traballar
conxuntamente» co Concello da Estrada e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo para conseguir que esta tradición centenaria acade a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)inmaterial.
 Esta aspiración lanzouna o presidente da Asociación Rapa das Bestas, Henrique Bazal, no transcurso dunha visita realizada ao curro xunto co alcalde da Estrada, José López, o tenente de alcalde, Juan Constenla, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Bazal
salientou que a Rapa das Bestas de Sabucedo «é unha icona importante de Galicia» e manifestou «o compromiso da asociación de seguir a traballar para que sexa aínda unha celebración máis acorde cos tempos actuais».
Nesta mesma liña, Román Rodríguez incidiu «na evolución e nos avances» incorporados nos últimos anos para transmitir o máximo respecto polos animais, para introducir criterios de
sostibilidade ambiental e para fomentar a igualdade, coa incorporación de «aloitadoras». Repercusión internacional
Pola súa parte, o alcalde da Estrada aproveitou a súa intervención para destacar «o esforzo organizativo importante que supón a chegada dun evento tan esperado e desexado como a Rapa» e recoñeceu «o traballo da asociación e dos veciños de Sabucedo para manter esta tradición centenaria que esperta interese en todo o mundo». De feito, a día de hoxe o gabinete
de prensa da Rapa das Bestas de Sabucedo ten acreditados 114 profesionais da comunicación procedentes de nove países: ademais de España, Rusia, Colombia, Estados Unidos, Reino
Unido, Arxentina, Francia, Alemaña e Portugal. «Máis aló da cifra dos 114 acreditados é de destacar que acudirán fotógrafos das principais axencias internacionais, cuxas fotos chegan practicamente a todo o mundo», afondou Henrique Bazal.
IX Gala da Rapa das Bestas
A programación de actividades da Rapa 2019 arrancará este xoves ás 22.00 horas no curro coa celebración da novena Gala da Rapa das Bestas, que será presentada pola xornalista Marga Pazos. Xa na madrugada do venres, ás 6.30 horas celebrarase a tradicional misa na honra de San Lourenzo, patrón de Sabucedo, e de seguido subirase ao monte na procura das
bestas.

As tres rapas no curro están programadas para o sábado ás 19.00 horas e o domingo e o luns ás 12.00 horas.
Camisetas deseñadas por Rei Zentolo
No transcurso da visita desta tarde, a Asociación Rapa das Bestas tamén aproveitou para presentar as novas camisetas de merchandising deseñadas por Rei Zentolo, que estarán á venda na caseta de información ubicada a carón do curro. Cómpre lembrar que parte da recadación dos ingresos que se consigan coa venda do merchandising adicaranse a tarefas
relacionadas co coidado e o mantemento dos cabalos e eguas de Sabucedo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta