O PSOE RECLAMA REFORZOS PARA OS SERVIZOS DE DESBROCE ANTE A MULTITUDE DE QUEIXAS VECIÑAIS

López Bueno cre que é “vergoñento” falar de investimentos
millonarios mentres o Concello é incapaz de atender con eficacia os
servizos máis básicos

O PSOE reclama reforzos para as brigadas de desbroces do
Concello. López Bueno afirma que “recibimos queixas de case todas as
parroquias”. O voceiro tamén considera que “este ano a crise da Covid
impedía levar a cabo as tarefas, pero falamos dun problema recorrente e
que se dá todos os anos”.
Para o voceiro socialista é “insólito” falar de investimentos millonarios
mentres o Concello é incapaz de atender con eficacia os servizos máis
básicos, como son o mantemento e limpeza dos viais no rural”. López
Bueno considera que “mellorar o servizo non será gratis, haberá que dotar
de máis recursos persoais e materiais ás brigadas. O goberno municipal
sempre queda retratado cando ten que tomar decisións coma esta, tira cara
o casco urbano o 100 % das veces”.
López Bueno valora que a situación das parroquias volve a ser de
“esquecemento total e absoluto por parte do Goberno municipal”. Pon como
exemplo “os anuncios de investimentos millonarios que en pouco ou nada
benefician aos veciños e veciñas que viven fóra do casco urbano”. O
voceiro remarca que “mentres se realizan eses anuncios, estamos a metade
de ano e o Goberno municipal non executou un só euro do máis de
1.000.000 que a Deputación de Pontevedra pon a disposición da Estrada
para investir no rural”.
O socialista considera que o esquecemento das parroquias “ten
consecuencias máis alá do malestar dos veciños” e valora que “xa existen
estudos que conclúen a revalorización das vivendas próximas ás vilas
medianas. A crise sanitaria e o confinamento demostraron que o rural
ofrece unha calidade de vida distinta á realidade do mundo urbano e A
Estrada non se beneficiará desta onda porque temos un rural
terceiromundista no que se refire a servizos municipais, e precipitámonos
sen remedio cara a barreira dos 20.000 habitantes”.
O voceiro advirte de que “eses problemas xa están chegando ao casco
urbano”, e pon exemplos: “as travesías da Avenida de Pontevedra están
invadidas pola maleza, as beirarrúas da parte baixa de Benito Vigo, o firme
de varias rúas do centro… a lista continúa medrando mentres o Goberno é
incapaz de ofrecerlle respostas aos veciños”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta