Xoán Reices esixe o arranxo das fochancas e o pintado do vial do Souto de Vea

O BNG da Estrada volve á carga co mal estado da estrada do Souto de Vea. Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, «desde a nosa organización vimos reclamando desde hai tempo unha remodelación importante desta estrada do núcleo do Souto de Vea, sen embargo o único que fai López e o seu goberno son parches que non serven para tapar un mal estrutural que ten este vial, xa que cada pouco tempo volven aparecer as fochancas no mesmo sitio».

«O estado deste vial municipal dá vergoña», afirma Reices, «o alcalde debería tomarse en serio as reclamacións, que non son só do BNG, senón da veciñanza do val de Vea que transita diariamente por esta estrada, clave no traxecto que vai a Santiago de Compostela». «Agora mesmo, as condutoras e condutores teñen que esquivar as fochancas, algunhas de grande profundidade».

«Desde o BNG reclamamos dunha vez por todas», engade Reices, «o arranxo das fochancas deste vial que utilizan centos de persoas cada día, veciños e veciñas de Vea, pero non só, porque, como xa dixen, este tramo é clave no traxecto a Santiago de Compostela».

«Por outra parte,» explica o candidato do BNG, «tamén reclamamos o pintado das raías que separan os carrís e as zonas de aparcamento, así como do paso de peóns; hoxe estas divisións non existen, e cremos que se trata dunha medida de seguranza vial imprescindíbel e necesaria, dada o elevado número de vehículos que transita a diario por este vial».

Mais a reclamación do BNG desta volta non remata só nunha esixencia ao goberno. «Colocamos uns cartaces esixindo ao alcalde o arranxo das fochancas deste vial, queremos que todo o mundo saiba quen é o culpábel desta situación, o alcalde da Estrada», afirma Reices, «a ver se así se dá por aludido».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.