Sí, xa está aquí, xa chegou!, hoxe da comezo a programación de primavera no Teatro Principal de A Estrada.
Nesta ocasión poderemos desfrutar da obra Linda&Freddy, ilusionistas da compañía Teatro do Noroeste. Unha peza interpretada polos actores Eduardo Alonso, Luma Gómez, Alejandro Carro e Lino Braxe.
A trama da peza xira en torno a unha parella de ilusionistas que, rememorando os mellores números da súa carreira artística, agardan unha chamada que os devolva ao circuíto dos grandes teatros europeos. Segundo progresa o espectáculo, os personaxes comezan a decatarse de que nunca recibirán a chamada e entón deciden preparar a súa máis celebrada actuación. Un espectacular número de maxia de unha das súas brillantes especialidades: o escapismo. Pero en vez de facerse desaparecer a si mesmos, Freddy e Linda teñen a idea máis brillante de todas as ideas: Van facer desaparecer ao resto do mundo…
A nova obra de Teatro do Noroeste fala, en clave de comedia, da situación actual da sociedade europea.. A saída da crise terá que ser moi imaxinativa e posiblemente o futuro estea á beira da cultura e o coñecemento; e non á beira dos cartos, os bancos e a riqueza material.
As entradas para o espectáculo, programado ás 21.00 h, poderán mercarse unha hora antes da función na billeteira do Teatro Principal a un prezo de 5,00€.
¡Esperámosvos!
Fotografía e Redacción: Departamento de Cultura do Concello de A Estrada






































