– A conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, acompañada polo Alcalde de A Estrada, Jóse López puxo hoxe á produción de sidra como exemplo das diferentes e variadas oportunidades que ofrece o medio rural galego. Fíxoo durante a súa visita ás instalacións de Lagar de Ribela, empresa familiar afincada no concello pontevedrés da Estrada que se dedica á fabricación desta bebida, elaborada a base de variedades autóctonas de mazá ecolóxica.
A titular de Medio Rural puxo en valor esta iniciativa como proxecto empresarial sustentable e integrado nunha contorna rural plenamente natural. Neste contexto, Ángeles Vázquez sinalou que o medio rural galego ofrece multitude de posibilidades de negocio a partir de recursos endóxenos, caso da produción de sidra.
A conselleira destacou ademais que a Xunta apoia este tipo de iniciativas, como ocorreu con este obradoiro artesán de sidra natural, que foi financiado pola Consellería cunha axuda de algo máis de 36.000 euros. E lembrou que a fabricación de sidra artesanal era tradicional na comarca da Estrada, pero foise perdendo co paso do tempo. Con este proxecto trátase precisamente –subliñou– de recuperar este sistema de produción aportando elementos innovadores para un mellor aproveitamento e unha mellora da calidade do produto.
Lagar de Ribela
Esta empresa foi constituída no ano 2012 e actualmente transforma uns 18.000 quilos de mazá, cunha produción anual que se achega aos 12.000 litros de sidra. Entre os seus produtos están “Ribela Clásica”, unha sidra clásica plurivarietal; “Ribela Artesá”, feita a base de tres variedades autóctonas (Rabiosa, Raiada e Peros) e “Bágoas na Choiva”, un viño de mazá especialmente deseñado para consumir moi frío.







































