O Vea CF ven de proclamarse campión da promoción de ascenso á Segunda Autonómica, como xa o fixera semanas atrás o Adc Guimarei de maneira directa ao quedar primeiro na categoría. O alcalde, José López, acompañado do edil de deportes, Ismael Pena, recibiu e felicitou os integrantes do equipo e da directiva no concello. O rexedor mostrouse orgulloso polos logros que está a conseguir o deporte estradense, sobre todo o fútbol, nesta campaña e fixo entrega dun agasallo co escudo da Estrada ao equipo, quen lle correspondeu con unha placa en agradecemento polas axudas prestadas polo concello.
O Vea, que acadara o segundo posto, eliminou no primeiro encontro polo ascenso ao quinto clasificado, o Deza. No derradeiro encontro enfrontouse ao gañador da eliminatoria entre o terceiro e cuarto posto, Bandeira e Cruces, na cal pasou este último. A fase final a dobre partido saldouse co mesmo resultado, 2-1, polo que no partido de volta, que tivo lugar no campo da Nogueira do Vea CF, tiveron que disputar a prorroga e finalmente ir a quenda de penaltis. O porteiro, Fran, volveu amosar a súa valía como xa fixera na Copa Deputación de Pontevedra parando dúas penas máximas, decantando así a eliminatoria e ascenso para o equipo estradense por 3-1.
Este ascenso sérvelle de rubrica a unha gran campaña do Vea CF, que ademais de dar o salto na categoría, foi quen de chegar a cuartos de final na Copa Deputación de Pontevedra, que tras pasar a fase previa eliminando aos equipos do Deza, Callobre, Berres e Furia Atl., foi quen de gañar ao Moraña na quenda de penaltis grazas a dúas paradas de Fran, que dou fe de ser un verdadeiro especialista nas penas máximas, e ao Caldas, equipo de Primeira Autonómica. Finalmente caeu en cuartos de final contra o Xuventude de Cambados.
Fotografías: Mariana Dono e Iria Eiras
Redacción: Iria Eiras






































