A portavoz nacional do BNG e deputada no Parlamento Galego, Ana Pontón, explicará este mércores 31 de maio, ás 20,30 horas, no Teatro Principal, o modelo de financiamento que defende o BNG para Galiza.
Neste acto, aberto a todos os veciños e veciñas da Estrada, a portavoz nacionalista defenderá que todos os impostos que pagamos as galegas e galegos sexan recadados pola facenda galega para cubrir os gastos das nosas necesidades e promover emprego digno, desenvolvemento económico, social e cultural que o país precisa.
O concerto que defende o BNG, garante que todos os ingresos que soportamos as galegas e galegos sexan de xestión do Goberno de Galiza, para en primeiro termo atender as propias competencias, que na súa maior parte están relacionadas con políticas sociais.






































