O Concello da Estrada e Rapa das Bestas de Sabucedo presentan a edición 2017 desta festa internacional, que cumpre 450 anos de tradición

A organización agarda que entre 20.000 e 30.000 persoas acudan ao certame, que xa conta con 130 xornalistas acreditados de dez países e que recibirá a preto de 200 profesionais

 A Rapa arranca mañá coa 8ª Gala dos Aloitadores e seguirá o venres coa xornada de monte, que comeza ás 7.00 horas no Celeiro tras a misa de San Lourenzo

O Concello da Estrada e a Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo presentaron hoxe a edición 2017 desta Festa de Interese Turístico Internacional –unha das nove que hai en Galicia– que se celebrará entre mañá e o luns 10 de xullo e que conta como principal aliciente coa celebración dos 450 anos desta tradición, que segundo a tradición oral e certos estudos comezou en 1567 cando as irmás coñecidas como “as vellas” entregaron dous cabalos á freguesía de San Lourenzo, creando así a mítica manda de “O Santo”. O acto, celebrado na Praza da Constitución da Estrada, onde quedou inaugurada a mostra “Sabucedo.O sentir dun pobo”, contou coa presenza do alcalde da Estrada, José López; do concelleiro de Cultura, Juan Constenla; do presidente de Rapa das Bestas, Henrique Bazal, e de decenas de veciños de Sabucedo.

No mesmo, revelouse que a estimación de asistencia situarase entre 20.000 e 30.000 persoas durante as catro xornadas festivas centrais e que o evento será cuberto por preto de 200 xornalistas de todo o mundo. Neste intre, téñense rexistradas unhas 130 acreditaciones de medios e profesionais procedentes dunha decena de países e, entre os mesmos, destacan produtoras de Nova Iorque e Londres, canles de televisión de Tokio, que van gravar unha reportaxe para un programa de audiencia millonaria no país oriental, e prestixiosos fotógrafos de España, Portugal, Rusia ou Francia. Polo demais, o rexedor estradense louvou o traballo de Rapa das Bestas e dos veciños de Sabucedo “ao longo de todo o ano para coidar das bestas e do monte” e amosou o compromiso das administracións públicas para seguir axudando ao mantemento da festa e o crecemento promocional deste certame.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta