O alcalde non pode agochar a súa responsabilidade no nomeamento por decreto do coordinador de protección civil nin agochar as ilegalidades en materia de contratación detrás da excedencia dun traballador.
Os socialistas faremos valer a representación obtida (-máis dun terzo dos compoñentes da corporación) para que a investigación das irregularidades denunciadas en materia de contratación e disciplina de persoal non se peche en falso.
Solicitar unha excedencia é un dereito de calquera traballador, sen embargo non se pode pretender agochar as irregularidades cometidas nunha administración baixo a excedencia do traballador afectado. “Os socialistas faremos valer a representación obtida -máis dun terzo dos compoñentes da corporación- para que a investigación das irregularidades denunciadas en materia de contratación e disciplina de persoal non se peche en falso: esixiremos a realización do informe xurídico en materia de contratación de servizos e subministros solicitado no pleno. O alcalde e os seus delegados en materia de persoal (Concelleiro Alberto Blanco e o director de Réxime Interno Enrique Prieto) eran coñecedores da dobre actividade na empresa privada e no sector público do traballador aludido, e permitiron durante anos esta dualidade que resulta ilegal en materia de contratación, polo tanto é necesario depurar responsabilidades”, comentou a portavoz socialista.
A lei esixe aos traballadores que comuniquen á empresa calquera actividade que realicen a maiores da súa actividade no sector público, así como calquera variación na súa situación. Neste caso, a pesares de coñecer a lei o traballador non ten feito estas comunicacións, polo que procede un expediente disciplinario. Así mesmo, a lei de contratos é clara e di que calquera traballo que unha empresa propiedade dun traballador municipal, ou da súa muller/marido ou fillos non pode realizar ningún tipo de traballo para a administración na que o traballador presta servizo público, ven sexa directamente ou por empresa interposta ou subcontrata.
Os socialistas vimos denunciando que a ilegalidade está en que as empresas do traballador aludido non poden prestar servizos ao Concello e demostramos que si o fixeron no 2013, 2014, 2015 e 2016, (de xeito directo e facturando mediante subcontratación -datos revelados polo grupo socialista no pleno pasado-). “É necesario chegar ao fondo destas irregularidades para evitar que situacións similares se continúen a producir”, afirmou Belén Louzao.
A memoria selectiva do Alcalde.
Neste caso a memoria do alcalde resulta ser selectiva e interesada. Pasa de negar os feitos a recoñecer os datos cos que os socialistas demostramos que minte: primeiro nega ter nomeado por decreto ao traballador como coordinador de protección civil; despois esquece que o traballador deixa de facer as súas funcións habituais para facer unhas non definidas en ningún lado; esquece tamén que el mesmo e quen autoriza todos os gastos que se fan en protección civil a proposta do traballador investigado e que é este propio traballador investigado o que conforma todas esas facturas, incluídas as das súas empresas e durante o último pleno nega que as empresas do traballador municipal protección civil, seguisen prestando servizos para o Concello a partir de 2014 sendo propietario ao 100 % dunha empresa e apoderado doutra da que e propietaria a súa muller que presta servizos ao Concello dende 2013, momento da súa creación.
Agora, á vista do desenvolvemento dos acontecementos parece querer agocharse detrás do dereito de excedencia do traballador, para non recoñecer que é ilegal que as empresas do traballador afectado prestasen servizos para o Concello, directamente ou baixo a facturación de outra empresa exercendo como subcontrata con respecto ao Concello.
Grupo Municipal Socialista







































