Os comercios pechan, as obras non se executan, os estradenses teñen que buscar traballo fóra e mentres o alcalde José López e os do PP míntenos aos estradenses unha e outra vez sen tan sequera porse colorados. A acción do goberno local limítase únicamente a levar a cabo unha constante campaña de propaganda de boa xestión que non se materializa por ningún lado, pensando só en clave de rendemento electoral e non nos estradenses.
A Conselleira de infraestruturas Ethel Vázquel, acompañada do alcalde José López e do delegado da Xunta, dixo o pasado martes, durante unha visita propagandística que realizou á Estrada, que antes de finais do ano 2017 se iniciarían as expropiacións para a prolongación da Autovía Santiago a Estrada. “ ‘Vamooos que nos vamos’ dirianlle as Tacañonas do famoso concurso de televisión 1, 2 ,3 – Resposta repetida”, comentou con sorna a portavoz socialista Belén Louzao, antes de lembrar que esta mesma conselleira, a preguntas dos medios de comunicación locais, repetiu exactamente a mesma resposta que dera en 2016. “Non fai falla dicir que mentiu no 2016 e minte no 2017, non tiñan os cartos entón nin os teñen agora para facer fronte a ningunha expropiación”, concluíu.
O goberno municipal lonxe de ser o motor semella ser un lastre.
O concello non está exercendo de motor económico nin de ente dinamizador, se non todo o contrario. Inversións que non se executan, proxectos que non se materializan e promesas incumpridas que reiteran unha e outra vez pero nunca cumpren: Ana Pastor, entón ministra de Fomento e hoxe presidenta do Congreso dos Deputados, veu A Estrada para anunciar flanqueada polo alcalde José López a licitación da variante no 2015, hoxe en día non temos nin o trazado definido; a conselleira de infraestruturas pon un ano máis data para iniciar a autovía, pero non move nin un só euro ao respecto; o Concello compromete data de inicio de obras (matadoiro en funcionamento antes de finais de 2015, contedores do lixo e camións en 2016, quiosco da alameda antes do verán, obras na zona dos viños antes da festa do salmón, asfaltados e humanizacións de rúas sen executar, …) e nunca cumpre.
“Os datos de locais comerciais pechados na vila son moi preocupantes, o acción do goberno local no polígono de Toedo é inexistente, o proxecto da praza de abastos e dos 2 viveiros de empresas municipais non acadan as expectativas xeradas, e todo o que fai o goberno de José López ao respecto e mirar para outro lado mentres presume de que lle sobran os cartos a finais de ano. O alcalde todo arranxa con palabrería, pero inda non foi quen un ano despois de dicir con que proxectos concretos se beneficiará a Estrada dos fondos EDUSI ou de algo tan sinxelo como materializar os proxectos de 2016 e 2017 que paga a Deputación de Pontevedra e para os que non ten que poñer nin un só euro, só debe encargarse de xestionalos”.







































