Agadea xa ten en funcionamento o servizo de transporte para os seus usuarios que viven no rural

 

A Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzhéimer (Agadea) puxo en marcha hoxe un servizo de transporte adaptado para os usuarios do centro de Alzhéimer da Estrada. Para levar a cabo este servizo Agadea adquiriu recentemente unha furgoneta mediante unha subvención do 89% do Grupo de Desarrollo Rural (GDR). O vehículo ten unha capacidade para un total 11  persoas e o obxectivo é facilitar o desprazamento ás actividades daqueles usuarios que viven no rural e que carezan de medios propios.Tal e como comunicaron desde Agadea a día de hoxe hai cinco demandas de usuarios. “Dous en Parada, unha usuaria de Cereixo e dous en Frades”.

A furgoneta ten unha capacidade para 11 persoas: 9 para usuarios, sendo dúas adaptadas para persoas que usen cadeiras de rodas, outra praza para a condutora e outra para unha acompañante. “Porque sempre irá un persoa que os acompañen”, indica unha responsable do colectivo.

Agadea ten programado actividades de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas. Desta maneira, hai persoas que acoden tódolos días e outras que prefiren só asistir dous ou tres. “Por este motivo, non sempre viaxarán tódolos usuarios o mesmo día e á mesma hora”, informan desde Agadea.

 En principio a hora de recollida será entre as 15.00 e ás 16.00 horas e o horario de volta entre as 19.30 e as 20.00 horas. Unha vez que haxa máis demanda xa se adaptarán os horarios e as rutas e é importante resaltar que se trata dun servizo exclusivamente para o rural, xa que é onde existen maiores dificultades para o desprazamento, e polo tanto, non se atenderán a demandas que poidan orixinarse de persoas que vivan no casco urbano.Cada usuario deberá aportar unha taxa para cofinanciar este servizo, que en principio será unha contía igual para todos, aínda que non se descarta que máis adiante se establezan unhas taxas segundo a distancia do percorrido e a renda de cada persoa.

Hoxe en día Agadea conta con arredor duns 40 usuarios na Estrada.“Este é un paso máis que se fai desde Agadea. Evidentemente isto está motivado porque hai unha aposta importante polo Concello neste servizo levando, penso, dunha maneira moi satisfactoria por parte de Agadea, a quen fai menos dun ano se lle fixo a cesión deses locais o cal lle permite a esta asociaciónprestar e a comprometerse a facilitar e investir na mellora do servizo no concello da Estrada”, indica Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación ao que engade:  “este é un paso máis na mellora do servizo e estamos pendentes da visita dos técnicos da Consellería de Política Social para a posta en marcha do centro de día”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta