Desde o BNG da Estrada denunciamos o estado de completo abandono no que se atopa o antigo matadoiro, un inmoble de titularidade municipal que o goberno municipal do PP deixa esmorecer entre as silvas, e que logo de anos de inactividade, o deterioro do edificio é público e notorio para calquera persoa que pase á súa beira.
Non é de recibo que os veciños e veciñas da Estrada que atravesan tempos de limitacións e precariedade vexan como se deixa que se arruíne unha instalación que logo esixirá un tremendo gasto se se quixer dedicar a algún uso público o día de mañá.
Temos que recordar que o grupo de goberno rexeitou hai uns meses unha moción do BNG para a posta en funcionamento do matadoiro, unha das patas na que se asentaría toda unha serie de iniciativas políticas que servisen para relanzar o sector gandeiro e revitalizar o rural.
A pesar de que o PP votou en contra da moción do BNG, o que é incomprensíbel é que se deixe esmorecer un edificio municipal destas características, que no seu tempo supuxo un forte investimento para as arcas públicas e que agora, pechado o matadoiro desde hai anos, o edificio fica en completo abandono.
Instamos ao goberno municipal do PP a botar man deste edificio municipal antes de que o deterioro vaia máis e que quede inservíbel calquera que sexa o seu uso futuro.
Por outra parte, temos que recordar que o matadoiro non é o único inmoble público que esmorece entre as silvas. O centro ictioxénico de Couso corre idéntica sorte, a pesar das iniciativas e mocións presentadas polo BNG, tanto no Concello como no Parlamento Galego.







































