O Concello da Estrada aforrará un 30% na factura enerxética substituíndo unhas 2000 luminarias actuais por outras de led a través da Edusi

                                  Suporá un aforro de 300.000 euros anuais

 

Este martes reuniuse a mesa de traballo da Edusi, na que forman parte os técnicos dos distintos departamentos do Concello que están implicados na súa xestión (Secretaría, Intervención, Tesourería, Urbanismo, Rural, a Fundación Cultural, Informática e Servizos Sociais) para elaborar o que será xa a estratexia definitiva da Edusi e os distintos proxectos. O que se determinou foi facer o traballo de planificación do que quedaba no 2017 e do que se levará a cabo o vindeiro ano para arrancar a Edusi.“De todas as Edusis, das 83 concedidas en toda España, creo que somos o primeiro Concello que ten colgado na plataforma operacións concretas. Somos os primeiros que contratamos a oficina de xestión, somos os primeiros que temos xa proxectos en marcha, un deles é o de eficiencia enerxética, que nos vai permitir, que cunha inversión de cerca dun millón de euros, facer unha primeira actuación de cambio de luminarias convencionais por luminarias LED”, indica o alcalde do Concello, José López. Ademais engadiu que “das 12.500 que temos agora mesmo en servizo en todo o concello vamos actuar sobre as 2.000, que segundo a auditoría que fixemos, son as que teñen maior consumo, o que nos vai permitir conseguir un aforro de cerca do 30%. O noso obxectivo vai ser reducir a factura enerxética, a factura de luz do concello de 1.100.000 euros a cerca de 800.000 euros provocando un aforro de 300.000 euros ao ano”. Esa actuación  está financiada, evidentemente, con fondos Edusi, con fondos europeos.O rexedor indica que a primeira intervención vai moi encamiñada co obxectivo da Edusi “que son facer inversións eficientes e sostibles xa que a propia inversión nos vai retornar un aforro que vamos poder destinar a outras actuacións de eficiencia enerxética que son moi importantes para poder conseguir o obxectivo de que nuns anos poidamos ter cambiado todo o que é o alumeado público a LED o que nos suporá un aforro superior ao 70%. Polo que en vez de estar pagando 1.100.00 euros estaríamos pagando ó redor de 300.000 ou 350.000 euros anuais o que sería unha situación moi óptima e favorable para o Concello”. Ese é o primeiro proxecto que poñerá en marcha o Concello e que xa está rexistrado na Plataforma de Fondos 2020.Esta inversión de eficiencia enerxética vai acompañada tamén, no mesmo proxecto de telexestión. O que pretende é que non só o aforro veña polas luminarias senón que tamén se vai producir un cambio nos cadros eléctricos de todas esas luminarias, vanse instalar un mecanismo de telexestión que permitan medir en tempo real o consumo efectivo de cada tendido eléctrico, e polo tanto axustar as potencias ao consumo real. “O custe enerxético que temos, unha parte importante é polo consumo, pero outra é polas potencias contratadas, se temos máis potencia contratada da que realmente necesitamos, estamos pagando un sobrecuste e iso vainos permitir adaptar en cada momento as potencias contratadas ás potencias necesarias. Ese proxecto vai ser dun millón de euros sendo o primeiro proxecto da Edusi”.Tamén comezaron a traballar no deseño doutro gran proxecto que é o da ampliación dos xardíns. “É un proceso que xa está na súa fase de finalización, de feito a semana que vén finaliza o prazo para que os propietarios manifesten a súa conformidade ou disconformidade coa valoración efectuada polo Concello e inmediatamente levaremos a cabo a consignación correspondente da cantidade resultante da expropiación e despois procederemos á ocupación”. Iso xa permite empezar a traballar no que será o deseño do novos xardíns. “O proxecto non se ciñe só a esa nova peza de 4.500 metros cadrados que incorporamos ao Patrimonio municipal, senón que vai ser un proxecto integral, que vai actuar sobre a Praza do Concello, os xardíns actuais, a ampliacións dos xardíns e as rúas contiguas aos xardíns. Vamos plantexar un proxecto, do que xa existe un esbozo como primeira proposta e sobre a que se traballou onte, e será un proxecto  no que non se perderá a esencia do que é a alameda municipal, xa que é unha alameda que ten unhas características urbanísticas e unha funcionalidade moi claras e que é un elemento patrimonial importante. A Casa Consistorial ten un valor importante, o palco da música é outro elemento catalogado e a propia alameda é un elemento patrimonial que realza o entorno no que está o Concello”.  O rexedor é consciente de que  todo o entorno precisa dunha actuación urbanística, pero sempre integrada. Sobre este proxecto o goberno local alega que quere ter unha proposta avanzada antes de final de ano, se pode ser xa en forma de antiproxecto para poder empezar a plantexala a súa execución en fases. “Porque evidentemente é unha actuación o suficientemente ambiciosa porque estamos falando de catro espazos claramente diferenciados: a Praza do Concello e o seu entorno, a alameda actual, a ampliacións dos xardíns e as rúas adxacentes. Si temos claro que o proxecto será desarrollado por fases, pero que se plantexará de maneira conxunta. Creo que vai ser un antes e un despois no que é o deseño urbanístico da Estrada e que se vai ganar un espazo extraordinario para o uso futuro dos nosos veciños e sobre todo para o novo redeseño do modelo urbano da Estrada, porque a Edusi é o que nos pide”, apunta López.O Concello da Estrada ten un terceiro reto: á adhesión á Rede Española de Ciudades Saudables (RECS) que obriga que todos os espazos que se cren están pensados na saúde, nos hábitos saudables e na prevención de enfermidades. “Que estean pensados nas persoas e para as persoas, para que poidan practicar actividades ao aire libre, de ocio, deportivas… e temos tres estratexias que nos marcan claramente o camiño que temos que seguir que son PXOM, Edusi e RECS, o plan de saúde, e a partir de aí saen ideas extraordinarias e non só pensando na ampliación dos xardíns, que é un espazo moi tentador e moi atractivo, porque é o corazón estratéxico da Estrada, senón pensando tamén nos novos deseños urbanísticos que fagamos e que exportemos ao resto da vila”.Durante a reunión tamén se decidiu poñer en marcha a parte da xestión das moitas actuacións, por exemplo o caso da humanización de rúas e as melloras de mobilidade e accesibilidade. “Temos tamén un Plan de Mobilidade Sostible que temos que arrancar xa e que tamén se acordou inicialo coa oficina de xestión e coa oficina técnica que temos contratada e o Plan de Mobilidade Urbana o que nos vén a dicir é que temos que facer unha análise da situación de mobilidade de todo o concello, facer unha análise DAFO, para ver cales son as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades, ver cales son os problemas reais que temos agora de circulación de tráfico, de mobilidade das persoas e tomar as decisións que haxa que tomar en canto ás humanizacións ou peatonalizacións coñecendo os pros e contras de facelas ou non e en que sitios”, conclúe o alcalde.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta