As clases de baile tradicional nos centros educativos da Estrada, promovidas polo grupo de música e baile tradicional Tequexetéldere e o Concello da Estrada, arrancaron hoxe pola mañá a súa nova tempada, aínda que a presentación xa tivo lugar a pasada semana. As clases estanse levando a cabo no Instituto Número 1, no IES Antón Losada Diéguez e nos IES Manuel García Barros e están incluídas na programación das clases de Educación Física. Estas están dirixidas aos alumnos de terceiro e cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Das dúas clases que teñen de Educación Física á semana nunha delas aprenderán baile tradicional ata o 22 de decembro, día no que se concluirá esta actividade coa celebración dunha foliada.A través do baile galego non só traballan todo o referente ao apartado psicomotriz senón todo o relacionado co apartado auditivo, sociolóxico e afectivo-social.
Desta maneira co aprendizaxe do baile tradicional fomentarase ao alumnado: coñecemento corporal, equilibrio, lateralidade, segmentación corporal, coordinación e control postural, automotización de movementos, coordinación óculo-espacial, espazo auditivo e creatividade.Os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa son principalmente:Realizar tarefas dirixidas ao incremento das posibilidades de rendemento motor, á mellora da condición física para a saúde e ao perfeccionamento das funcións de axuste, dominio e control postural, adoptando unha actitude de autoesixencia na súa execución.Amosar habilidades e actitudes sociais de respecto, de traballo en equipo e de deportividade na participación en actividades, xogos e deportes, independentemente das diferenzas de xénero, culturais, sociais e de habilidade.
Practicar e deseñar actividades expresivas con ou sen base musical, usando o corpo como medio de comunicación e expresión creativa.Adoptar unha actitude crítica ante o tratamento do corpo, a actitude físca e o deporte no contexto social.“Con este proxecto de baile tradicional galego o que se pretende non só é que os rapaces e as rapazas, de 13 a 16 anos, coñezan a cultura tradicional galega, senón tamén a importancia que ten dentro da súa evolución, tanto a nivel psicomotor como a nivel psicoevolutivo”, apuntan desde a organización.







































