Desde o BNG da Estrada consideramos un despropósito a intención do goberno local de ubicar as atraccións do Nadal no Campo da Feira, restando espazo aos postos dos feirantes. É incomprensíbel o empeño do PP por matar a feira do mércores, que dinamiza a economía local, desde o comercio até a hostelaría, precisamente no nadal, nun dos momentos do ano máis importantes na actividade comercial da Estrada.
Se a intención do goberno de José López é matar a feira do mércores, afogando de paso a comerciantes e hostaleiros, ese é o camiño. Se o alcalde aposta pola economía local, onde a feira ten unha importancia capital desde hai séculos, buscaría unha ubicación alternativa para os postos de atracción do Nadal, que pode ser unha alternativa no lecer dos máis cativos, mais non o é como dinamizador do comercio local.
Por outra parte, desde o BNG da Estrada vemos con preocupación o escaso desenvolvemento do PXOM por parte do goberno municipal. Desenvolvelo permitiría ter un espazo para este tipo de atraccións sen ter que restar espazo á feira do mércores, cuxa ubicación, mesmo nos días das festas patronais, causa graves trastornos aos veciños e veciñas que viven no Campo da Feira e nas rúa anexas.







































