O PP ignora as propostas dos colectivos e entidades mentres avanza
na dilapidación cinco millóns de euros en proxectos que neste intre
non son necesarios nin imprescindíbeis para o noso concello
Hai apenas un ano, cando se deu a coñecer o proxecto EDUSI, dotado con algo máis de cinco millóns de fondos europeos, dicíamos que a proposta preliminar que presentaba o grupo municipal do Partido Popular non era social, nin sostíbel e tampouco participativo. O EDUSI era e é un documento que só servía para enmascarar os proxectos que lle interesan ao alcalde e ao seu grupo de goberno.
Tamén dicíamos que a proposta preliminar que nos presentaba do PP non contemplaba ningunha das necesidades urxentes que ten o concello, que son arranxar os continuos problemas que ten a rede de abastecemento de auga, a dotación de aparcadoiros públicos en superficie, abrir novas rúas, mellorar a rede de sumidoiros e o saneamento do rural, os problemas dos nosos sectores produtivos principais, o sector gandeiro e o móbel, e por suposto, o esmorecemento do noso rural; uns problemas, que curiosamente encaixaban á perfección dentro dos obxectivos fixados para estes fondos europeos que responde ao nome de EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbanos Sostíbel Integrado), pero que o PP obviaba completamente na proposta preliminar que nos presentaba hai apenas un ano.
O PP despreza a participación social
O proxecto non é participativo como nos anunciaba o alcalde e adoece dunha total falta de transparencia no deseño dos proxectos que se nos publicitan nos medios, uns proxectos que coinciden co programa do PP, mais non coas propostas que fixeron colectivos e entidades sociais.
Así por exemplo, desde o BNG presentamos 45 propostas no mes de xaneiro deste ano e nunca se chegaron a debater ao longo destes meses en ningún foro. Unhas propostas que van desde a creación de aparcadoiros públicos gratuítos en superficie en distintos puntos da vila como demanda tamén o colectivo de comerciantes, ou a apertura de novas rúas, até potenciación da praza de abastos, recuperar os sistemas de regadío existentes actualmente inutilizados para que sirvan para afrontar as secas dos últimos veráns ou a posta en marcha do matadoiro municipal. En definitiva, unhas propostas que pretenden aproveitar as potencialidades comerciais da vila, así como a posta en valor do rural e dos atractivos turísticos que ten o concello.
Nin social nin sustentábel
E mentres se ignoran e desprezan as propostas dos colectivos e entidades, entre elas as do BNG, desde o goberno municipal anuncian por exemplo, a ampliación da Alameda con cargo a eses fondos, un proxecto que non é o que necesita o noso concello nestes intres, e tampouco é social e moito menos sustentábel. O concello da Estrada ten prioridades máis importantes que afrontar agora mesmo, como as citadas anteriormente, mais o PP aposta polas obras faraónicas e innecesarias neste intre, fronte ás necesidades perentorias que teñen os veciños e veciñas da Estrada, e moitas delas non necesitan un gran desembolso de cartos públicos.
Un ano máis tarde da presentación do proxecto EDUSI as previsións do BNG cumpríronse: hai participación social, pero desprézase e ignórase; non hai transparencia na xestión deste proxecto dotado con cinco millóns de euros; e por riba as propostas que se publicitan desde o goberno municipal, que emanan de non se sabe onde nin se sabe con que escuros intereses, non responden ás necesidades acuciantes que o concello ten agora mesmo.
O PP da Estrada xa ten experiencia na dilapidación de cartos públicos. En 2004 o goberno municipal de Chito Campos, do que formaba parte o actual alcalde, vendía o proxecto da Estrada Dixital como se fose “El Dorado”. Disipado o fume de millóns de euros, hoxe non queda practicamente nada en pé, e A Estrada Dixital é unha cáscara valeira. Queremos repetir a historia? No BNG non estamos pola labor.
Ante esta situación o BNG abandona as mesas e foros de xestión do EDUSI. En primeiro lugar porque hai meses que non se convocan, a pesar de ser un proxecto que ten na participación social a súa razón de ser. E en segundo lugar porque se ignoran propostas que presentaron colectivos e entidades diversas, mentres se anuncian proxectos que non se debaten nin se discuten en ningún sitio. E neste sentido agardamos que outros colectivos e entidades que participaron de boa fe nesta iniciativa presentando as súas propostas sigan tamén o exemplo do BNG de non ser cómplices coa xestión do EDUSI que fai o PP.






































