O alcalde da Estrada vén de presentar o deseño do que será a nova Alameda da Estrada. O BNG quere facer as seguintes consideracións:
- Lamentamos que os representantes políticos da oposición sexan os últimos en enterarse de como é o deseño da nova Alameda. O que coñecemos é a través dos medios de comunicación e polo tanto calquera valoración estará supeditada a un estudo pormenorizado do proxecto.
- Desde o BNG da Estrada insistimos máis unha vez que os nosos veciños e veciñas teñen outras prioridades máis importantes agora mesmo. É especialmente doloroso ver como se dilapidan cartos públicos mentres hai cortes de auga día a si e día tamén, un problema que o PP non é quen de atallar, e levamos así máis de dous anos. Tamén temos problemas de aparcadoiros públicos, un problema que se agudizará en canto se peche parcialmente ou da Avenida de América. Tamén hai que abrir novas rúas, por exemplo, abrir desde as Colonias até 25 de xullo, para desconxestionar Fernando Conde e facilitar a comunicación con Lalín. E tamén é prioritario acometer o saneamento do rural, un problema ao que os veciños e veciñas do rural demandan unha solución, mais o PP foi incapaz de acometer un só saneamento nos seis anos que leva de goberno. E un longo etc….

- E fronte á longa lista de problemas que teñen os veciños e veciñas da Estrada a solución que aporta o PP é unha obra faraónica e multimillonaria. Isto non tapará as prioridades e as necesidades da Estrada, ao contrario, agudizaranse, porque boa falta farán os cartos para o mantemento desta obra innecesaria, que desde logo non é nin sustentábel nin social, como se publicita desde o AESS 2020. Un proxecto que, como xa denunciou o BNG hai uns días, está fóra da realidade e das necesidades da Estrada, e supeditado aos caprichos do PP.
- En canto o deseño deste proxecto serán os veciños e veciñas os que o xulguen, mais como xa dixemos noutras ocasións, centralizar nun único punto as zonas de verdes e de lecer é un erro que non solucionará o problema de masificación que se dá agora mesmo na Alameda. A nosa aposta pasa por diversificar os puntos de lecer e esparcemento pola vila para que todo o mundo teña preto da súa vivenda unha área deste tipo.
- E xa por último, vemos con certo temor o anuncio de peanolización das rúas Xusto Martínez e Yrida, se estas se chegan a acometer, como moi ben dixo o alcalde. O BNG, en todo caso, aposta por consensuar cos veciños e veciñas e comerciantes das rúas afectadas, xa que son aspectos que teñen un forte impacto, mais as peonalizacións non se poden acometer mentres non estea solucionado os problemas de aparcadoiros públicos.







































