A Estrada celebrará o día 21 a I Gala do Deporte. A cita será a partir das 20.00 horas no Teatro Principal e nela farase entrega dos premios nas categorías establecidas e que serán concedidas polo xurado. O día 1 rematou o prazo para recibir as propostas dos/as 54 entidades, colectivos, asociacións, clubs e escolas deportivas municipais. O xurado, composto por membros de todas as forzas políticas locais e presidido por concelleiro de Deportes, Ismael Pena, contabilizará as propostas, saíndo dous finalistas nominados en cada categoría que se farán públicos e os cales se lle notificará tal decisión, desvelándose e galardoando no mesmo día da gala, despois da deliberación do xurado. “O luns 11 ás 21.00 horas reunirémonos o xurado para ver todas as propostas que presentaron os clubs para elixir aos finalistas, pero non se dirá o gañador ata o día da gala”, indicou Pena esta mañá durante a presentación do evento.
A gala estará presentada polo xornalista da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Terio Carrera, que presentará aos finalistas e enunciará o nome do galardón en cada categoría. O premio constará dun recoñecemento simbólico mediante a entrega dun agasallo conmemorativo os premiados en cada unha das oito categorías, que son as seguintes:
- Mellor deportista da Estrada 2017 (masculina e feminina).
- Mellor deportista de base 2017 (masculina e feminina, ata 18 anos. Nado do 2000 en adiante).
- Mellor club, asociación, entidade deportiva 2017.
- Mellor club, asociación, entidade deportiva de traballo coa base 2017.
- Mellor entidade patrocinadora e de apoio deportivo a clubs, asociacións, entidades deportivas e deportistas federados da Estrada 2017.
- Mención especial do xurado.
O acceso para todos aqueles que queiran presenciar a Gala do Deporte é gratuíto, pero deben de retirar previamente a súa invitación no departamento de Deportes do Concello, sito no cuarto andar da Casa Consistorial, ou en Alcaldía, segundo andar, ata esgotar aforo. As invitacións estarán dispoñibles desde o luns día 11. Ademais, todas entidades, colectivos, asociacións, clubs e escolas terán unha serie de entradas a súa disposición.






































