A Xunta fai entrega de distincións de honra a máis de 100 axentes da Policía Local de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de entrega de distincións de honra a máis de 100 axentes dos distintos corpos de Policía Local de Galicia, dos que forman parte uns 2.500 homes e mulleres en total.

O acto tivo lugar nas instalacións da Academia de Seguridade Pública (AGASP) da Estrada e contou tamén coa participación do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro; e o alcalde da Estrada, José López Campos. Ademais, tamén asistiu o Xefe Superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez; o xeneral da Garda Civil, Ángel Alonso Miranda; e o comisario da Policía Autonómica, Silverio Blanco.

Os corpos de Policía Local desenvolven unha tarefa fundamental na mellora de seguridade da cidadanía, e encárganse de cuestións tan relevantes como o tráfico, o control do ruído, o botellón ou o medio ambiente.

De aí que a Xunta manteña un firme compromiso coa mellora da súa profesionalización. Neste marco inscríbese, por exemplo, a ampla oferta de formación en distintos aspectos da seguridade pública (violencia de xénero, seguridade viaria…) e ante novos retos, como as primeiras xornadas de acción, prevención e reacción ante o terrorismo xihadista dirixidas a axentes da Policía Local, que organizou este ano a AGASP en colaboración coa Fegamp e a Delegación do Goberno.

Ademais, para seguir avanzando, tense posto en marcha o procedemento para centralizar na AGASP os procesos selectivos da Policía Local de Galicia, dos auxiliares de policía local e a creación de listas de reservas para estes postos. Trátase dunha iniciativa que estará aberta para os concellos que así o decidan voluntariamente e que permitirá facilitar a cobertura de baixas, a mobilidade e o reforzo destes corpos.

A maiores da formación para as policías locais, a AGASP concentra tamén a formación dirixida a bombeiros, GES e membros de Protección Civil, o que a converte no centro de referencia das emerxencias de Galicia, cunha oferta cada vez máis ampla e aberta a máis profesionais e colectivos. Ademais, para aproveitar as sinerxías con este centro, este ano púxose en marcha no mesmo recinto o Centro de Atención ás emerxencias 112 de Galicia.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta