O Museo do Moble e da Maneira da Estrada (MOME) acollerá o vindeiro mércores, día 20, ás 20.00 horas unha charla organizada polo Centro de Información ás Mulleres do Concello da Estrada. O obxectivo desta actividade, tal e como comenta a directora do CIM, Margarita De La Calle “é difundir as actividades que os tres centros educativos organizaron para a conmemoración do 25 de novembro co motivo do Día Internacional Contra A Violencia de Xénero”.
Así a intención desta charla é dar visibilidade á implicación do profesorado e do alumnado para concienciar sobre a importancia de previr condutas desigualitarias que desemboquen en situación de violencia machista nas parellas e ao mesmo tempo que serva para condenar calquera acto que implique este tipo de violencia.
Desde o CIM queren agradecer o traballo que se está realizando no grupo de traballo As gafas violetas e dar a oportunidade de que sexa coñecido por máis persoas. Este grupo está composto por profesoras e alumnos e alumnas de diversos niveis, que se encargan de recoller e elaborar materiais relacionados coa violencia baixo a coordinación das profesoras, todo isto froito da colaboración das bibliotecas escolares dos tres institutos.
A idea é repetir algunha das actividades que se realizaron o ano pasado o 24 de novembro nos centros educativos e expoñer un resumo dos resultados das enquisas que se realizaron nas charlas impartidas nos centos nos tres últimos anos.
Na charla participarán a directora do CIM, as profesoras Mayte Leis, Carme Losada e Beatriz Quintela e alumnos e alumnas dos tres centros o García Barros, o Losada Diéguez e o Nº 1.
A esta cita poderán asistir todas as persoas que queiran.






































