O viveiro de empresas da Estrada vén de cumprir o seu primeiro ano de vida, e o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, ten en mente poñer en marcha diversas actividades de cara ao 2018 para aumentar a súa ocupación. De feito, en xaneiro incorporarase unha nova firma: a Central Científica Galega, entidade que ten como obxectivo proporcionar servizos de carácter científico-técnico para o control ambiental. Un viveiro ou centro de empresas ofrece a baixo custes instalacións e servizos que serven para a creación de empresas e para apoiar aos emprendedores que deciden apostar pola súa idea e transformala en negocio. Os responsables das empresas asociadas ao viveiro estradense coinciden en que esta foi unha gran oportunidade para levar a cabo ou fomentar o seu proxecto. Algunhas das firmas o que lles custa máis adaptarse, e quizais sexa, un dos principais atrancos para incorporarse a esta iniciativa, é o sistema de coworking. Sen embargo, os espazos de coworking están brotando cada vez máis e isto é o reflexo da aparición de novos modelos e de novas expectativas no mundo dos negocios e da sociedade, en xeral.
“Comenzamos con moita forza impulsando un programa bastante novidoso, Mens sana in córpore sano: traballo ben feito, e conseguimos gañar bastantes adeptos, adeptos por outra parte, de empresas pequenas e/ou autónomos, non de empresas grandes con varios traballadores, como era a nosa intención”, apunta Guillermo Martínez, do Centro Wellness Absolute. Pola súa parte, Lorena Penas, de Actualizados Comunicación, considera de “moi boa” esta experiencia “aínda que nós o utilizamos para facer reunións con clientes, non para o noso traballo diario, pero si que é unha plataforma que nós axudou a dar outra imaxe como empresa”.
As empresas asentadas coinciden en que toda a publicidade que se fai desde o Concello do viveiro de empresas repercute favorablemente nos seus proxectos e que só por isto xa contribuíu a darse a coñecer entre máis xente. “Serviunos para ter unha imaxe de cara o público”, apunta Penas ao que se suma Martínez: “Hoxe en día estar no viveiro de empresas serviunos para publicitarnos”. A responsable doutra das empresas afirma que “é moi positivo formar parte desta iniciativa e tamén é moi vantaxoso porque ofrecen moitas facilidades para as empresas que estamos empezando”. Para Begoña Alonso de Mo Rentals esta experiencia tamén lle está sendo moi positiva. “Estou encantada e sempre animo á xente que traballa desde a casa a ocupar aquí un espazo porque fai que saias da rutina, mantés un horario e serve para que a xente te coñeza máis e darlle unha imaxe a túa empresa”.
Na actualidade, o viveiro de empresas conta con 10 espazos de coworking e están ocupados o 50%. “Cambiaríamos a distribución do viveiro, xa que botamos en falta máis intimidade e que as empresas estean divididas por oficinas e non por armarios”, confesa a responsable de Actualizados Comunicación. Esta falta de privacidade tamén a bota en falta a responsable de Mo Rentals. Pero precisamente, ese equipamento a modo de coworking é a esencia dunha iniciativa como esta. O prezo de ocupación de cada un destes espazos é de 50 euros mensuais que inclúe acceso a Internet e teléfono, luz e calefacción e servizo de reprografía. Cada oficina conta cunha mesa, cadeiras e diverso mobiliario como un armario e un estante. “Considero que as instalacións son excelentes para traballar e recibir clientes”, afirma Martínez. Nesta mesma liña, Penas considera que “ as oficinas son perfectas para aqueles que comezan un proxecto novo”.
Tal e como establecen as bases, os emprendedores poderán gozar das instalacións e servizos do viveiro durante dous anos prorrogables a un máis.
De cara a mellorar o futuro do viveiro, finalidade á que se suma Óscar Durán co obxectivo de que o vindeiro ano se alcance unha total ocupación, as empresas asociadas apostan por incrementar a súa promoción e organizar máis actividades no mesmo. “Creo que sería necesario unha avaliación e un axuste da oferta, ben traballando prezo, ou facilitando a marxe de condicións para ocupar un sitio no viveiro”, engade o responsable do Centro Wellness Absolute. Martínez cre que esta falta de demanda no viveiro débese sobre todo “debido ás dificultades que temos na actualidade para crear e soster empresas. A inactividade do viveiro é fiel reflexo do que vivimos nas rúas da Estrada, sen falar da tendencia conservadora dunha empresa xa asentada, natural, creo eu”. Begoña Alonso reclama unha maior publicidade na entrada do Novo Mercado para que o público teña constancia das empresas que se sitúan no viveiro de empresas, algo que desde o Concello levarán a cabo en vindeiros meses.






































