O departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, liderado por Amalia Goldar, organiza de novo este ano actividades de musicoterapia xerontolóxica. Esta iniciativa vai dirixida ás persoas maiores de 60 anos e levaranse a cabo entre febreiro e xuño. O prazo para anotarse comenzará mañá, mércores día 17, e rematará o día 29.
“Son actividades que sempre teñen un gran éxito e están encamiñadas a favorecer a convivencia e a integración promovendo desta maneira, a vida activa e a participación social”, apunta Goldar. Este será o segundo ano consecutivo que se levan a cabo, despois da realización dun programa piloto de tres meses hai tres anos, que a súa boa aceptación propiciou a que o departamento apostase por esta iniciativa. Desde o ano 1993 o Concello está promovendo diversas actividades de carácter lúdico e formativo dirixidas ao maiores, tales como as viaxes do Imserso, o programa de termalismo diúrno, entre outras.
As actividades levaranse a cabo desde o 5 de febreiro ata o 20 de xuño e do 3 de setembro ata o 19 de decembro durante dous días a semana con xornadas en grupo dunha hora de duración. Terán lugar nas instalacións do Novo Mercado, na primeira planta, os luns e os mércores en horario de 17.00 a 18.00 horas e de 18.00 a 19.00 horas, dividindo aos participantes en dous grupos. O custe total da actividade, que se poderá fraccionar o pago en dúas veces, será de 30 euros. O prazo para anotarse comeza mañá, día 17, e rematará o 29 de xaneiro. Os interesados deben cubrir un formulario no departamento de Servizos Sociais, situado na planta baixa da Casa Consistorial.
Para poder participar os interesados deberán ter máis de 60 anos, estar empadroados na Estrada e tamén poderán asistir os estradenses que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33%. Deberá haber un mínimo de dez persoas por grupo para poder realizala a actividade.
Os obxectivos deste programa son, entre outros, mellorar a coordinación funcional, o equilibrio, a mobilidade, e en xeral o desenvolvemento de actividades psicomotrices mediante a musicoterapia; restablecer a independencia das persoas maiores mediante a interelación grupal, reforzando os diferentes parámetros psicomotrices; tonificar a musculatura corporalmente á actividade física e ampliar o rango de mobilidade articular; apoiar e incentivar a creación de grupos autónomos de actividade; traballar a capacidade memorística dos participantes; potenciar o desenvolvemento de capacidades, habilidade e destrezas das persoas participantes promovendo actividades socio-culturais e ocupacionais; fomentar a igualdade de xénero entre os participantes realizando actividades nas que poidan participar indistintamente homes e mulleres e promovela a integración de persoas e colectivos en situación de desvantaxe social, fomentando actividades grupais normalizadoras de ocupación de tempo de lecer.






































