A festa, unha das nove internacionais de Galicia, terá lugar do 6 ao 9 de xullo mantendo o programa co formato habitual
O certame preséntase no stand de Turismo Rías Baixas co cartel promocional e material informativo da edición 2018
-Representantes da Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo desprazáronse a Madrid para presentar, esta mesma mañá, a edición 2018 desta Festa de Interese Turístico Internacional –unha das nove coas que conta Galicia–, que se desenvolverá entre o venres 6 e o luns 9 de xullo. Os membros do colectivo deron a coñecer esta tradición secular no stand da Deputación de Pontevedra no recinto do Ifema xunto co delegado provincial de Turismo, Santos Héctor, e a asesora provincial Ana Doval. No posto de Turismo Rías Baixas na capital madrileña estase a distribuír estes días con moito éxito material promocional actualizado da edición 2018 da Rapa das Bestas de Sabucedo e hoxe mesmo deuse a coñecer o cartel promocional desta cita, que recupera unha imaxe do curro co aloitador Santi Obelleiro tras optar por fotografías da subida ao monte nos anos anteriores. Ademais da presentación, os membros da Rapa mantiveron reunións e contactos con axencias, maioristas de viaxes e touroperadores, algúns deles internacionais, así como con bloggers de diversos países e medios de comunicación especializados –un deles, Miradas Viajeras, tiña unha foto do curro no seu propio material– que amosaron o seu interese pola festa e incluso algúns confirmaron a súa asistencia este ano. Programa 2018 A Rapa das Bestas de Sabucedo aínda non ten completamente pechado o programa de actividades, xa que aínda restan algo máis de cinco meses para a cita, pero xa se está a traballar no mesmo e manterá o seu formato habitual coa subida ao monte a buscar as bestas o venres pola mañá, o Rapasons na primeira noite festiva, os tres curros o sábado pola tarde, o domingo pola mañá e o luns de clausura con fins solidarios e outras actividades paralelas, especialmente de carácter musical. Tamén se traballa nunha posible nova edición da Gala dos Aloitadores no xoves de vésperas. A asociación afronta en 2018 unha edición de gran importancia e agarda poder repetir as cifras tan exitosas acadadas o pasado ano, xa que, coincidindo co 450 aniversario EDICION 2018 6-9 DE XULLO Manolo Cabada | Representante da Rapa das Bestas de Sabucedo | 639 105 098 desta tradición, batéronse récords de asistencia, con 30.000 persoas; de xornalistas acreditados, con 197 dun cento de medios de comunicación e produtoras procedentes de seis países; e de recadación no curro solidario, con 7.776 euros a prol da Fundación Amigos de Galicia.







































