O Mago Joel, último gañador de Got Talent Magic, actuará no Teatro Principal o 2 de marzo

As entradas xa están á venda no Boliche e na páxina de woutik

 

Con motivo da programación de primavera do Concello da Estrada que se presentarán todas as actividades nos vindeiros días, o televisivo mago cubano Joel, gañador da última edición española do programa Got Talent Magic, dará a coñecer o seu talento o 2 de marzo no Teatro Principal da Estrada ás 21.00 horas. A produtora que organiza o evento xa puxo á venda as entradas, cun prezo anticipado de 10 euros, na cafetería Boliche da Estrada ou a través da páxina web www.woutick.es En billeteira custarán 13 euros.

Este mago autodidacta, cuxo nome é Joel Armando Hernández, realizaba diversos números de maxia por pequenos locais de Madrid, cidade a que chegou en 2014 tras pasar por Barcelona e Suecia. Conseguiu alzarse coa vitoria no programa televisivo cun truco de cartas cun final inesperado no que mesturou a adiviñación cunha impresionante maneira de ordenar as cartas da barralla. De feito, foi considerado polo xurado do certame como o maior talento que pasou por todas as edicións ata o de agora. Incluso foi nomeado por Risto Mejide, o membro do xurado máis esixente, como o ‘Messi da maxia’. Entre os trucos que realizou para ir posicionándose na final destaca o día no que conseguiu pescudar o  código de bloqueo do teléfono do presentador Dani Martín.

Os espectáculos do Mago Joel inclúen números con moedas invisibles que se volven visibles, que se multiplican, que aparecen en lugares que non se agardan para nada; prende con lume billetes de 10 euros na palma da man que ao cerrala recuperan o seu aspecto… En xeral, son trucos que sempre sorprenden dunha maneira moi inesperada e nos que emprega elementos sinxelos da vida cotiá.

A súa paixón pola maxia xa comezou desde que era pequeno, incluso nalgunha das súas entrevistas afirmou que deixou de ir aos aniversarios dos seus amigos senón había un mago. A súa infancia pasouna rodeado de cartas, dados e panos que facía desaparecer. A pesar, de que a súa familia non aceptaba ben esta afección e querían que se adicara a algo máis proveitoso, el continuou con súa formación autodidacta. Tivo a sorte de que no seu camiño se lle cruzase un libro de maxia para nenos que o guiou tras os pasos de Houdini e comezou a facer trucos ás súas amizades.

Despois decidiu matricularse na Escola Nacional de Circo, pero non tiña os graos suficientes e non puido ingresar nela. As súas ilusións por adicarse á súa paixón volveron tras ser animado por un profesor seu de Química ao que lle ensinou algún dos seus trucos.

Seguidamente, comezou a facer os seus números no Malecón da Habana e despois en varios hoteis da capital cubana ata que decidiu emigrar a Europa.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta