O vindeiro venres 2 o BNG da Estrada organiza un acto para falar dos graves problemas que causará a reforma sanitaria do PP
O BNG chama aos veciños e veciñas da Estrada a participar masivamente na manifestación en defensa da sanidade pública convocada para o domingo 4 de febreiro.
Esta mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, quere facerlle fronte ás privatizacións e aos recortes do PP na Xunta de Galiza, que está a provocar unha perda de calidade evidente neste servizo público esencial e un desmantelamento da sanidade pública para beneficiar as empresas privadas do sector.
Os recortes teñen unha gravísima repercusión na prestación dos servizos sanitarios, no deterioro asistencial: colapsos de urxencias, sobrecarga laboral d@s traballador@s, aumento das listas de espera, saturación dos centros médicos locais con medidas populistas como é o caso das consultas telefónicas pero sen dotar de máis persoal os centros de saúde…
O noso concello tampouco é alleo a este deterioro da sanidade pública: peche de consultorios rurais, falta de persoal para cubrir baixas e vacacións dos facultativos, … e toda unha serie de situacións mermadas pola grande profesionalidade das traballadoras e traballadores da sanidade.
Por outra parte, a reforma sanitaria do PP trae consigo a implantación das áreas sanitarias, que se ben ao noso concello non nos afecta directamente, si indirectamente, xa que a concentración de servizos nos grandes hospitais das cidades, en detrimento dos comarcais, traerá unha sobre-saturación destes grandes complexos sanitarios que redundarán nun maior deterioro da sanidade pública.
Para falar de todo isto e animar á participación dos veciños e veciñas na manifestación do domingo, no BNG da Estrada organizamos un acto público o vindeiro venres 2 de febreiro, ás 20.30h no Restaurante Samaná, onde contaremos coa participación da deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado Cores.
—






































