Se o alcalde busca complicidades para enterrar a Feira do Moble que non conten co BNG.
Seguimos e seguiremos apostando pola Feira como escaparate do sector da madeira da Estrada
A reunión organizada polo alcalde da Estrada con partidos políticos e sector do moble para analizar a situación da Feira do Moble de Galiza, deixa unha cousa clara: o alcalde quere enterrar a Feira e busca complicidades para axudarlle na liquidación. Co BNG que non conten.
Desde o BNG botamos en falta que o alcalde vaia á reunión sen unha proposta clara, o que denota a falta de iniciativa política pola súa parte. Unha irresponsabilidade política moi grave tendo en conta que o PP goberna e desgoberna a Fundación de Exposicións e Congresos, e que ten, ademais, de xerente a un concelleiro deste partido, que cobra unha dedicación exclusiva do concello.
Non se pode descargar toda a responsabilidade sobre o sector polo declive dos últimos anos como fai o alcalde, e moito menos supeditar o futuro da Feira á iniciativa do sector. A iniciativa ten que partir de quen dirixe a Fundación, e esta está en mans do PP. 
Como denunciamos no seu día, a Feira perdeu o 80% dos expositores en 10 anos. Isto demostra que se están facendo mal as cousas, e o alcalde e os partidos que dirixen a Fundación deberían facer autocrítica e dirimir responsabilidades como punto de partida para poñer remedio a unha situación que leva a Feira á súa desaparición.
Faise necesario tamén presentar un estudo serio e realista sobre a realidade actual do sector. A Feira do Moble ten 31 edicións, e nese período a sociedade cambiou o suficiente, así como tamén o sector para que as solucións que se propuxeron hai 30 anos sexan diferentes ás de hoxe.
Con todo, o BNG sigue e seguirá apostando pola Feira física como escaparate do sector; os portais dixitais poden axudar, pero non son a solución ao declive da Feira. De feito, hai sectores que naceron coa revolución dixital e non renuncian a unha feira física polas sinerxias que crean. Se o portal dixital é a única solución, daquela si podemos poñer o cartaz de “pechado por defunción”.
Por outra parte, cómpre que todas as administracións con representación no padroado (concello, Xunta de Galiza e Deputación), teñan unha maior implicación e apoio, tanto desde un punto de vista económico como de dinamización da Feira.






































