O goberno local levou hoxe á xunta de goberno local a proposta da aprobación do expediente de contratación do servizo socio-educativo Espazo Concilia A Estrada. Tal e como apunta o alcalde, José López, sacarán a concurso a xestión deste servizo, que ten como obxectivo arrancar en marzo nas instalacións do Novo Mercado. Ofertaranse un total de 45 prazas, destinadas a nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, durante un ano e por un prezo de licitación de 48.000 euros.
Os horarios serán de luns a venres de 15.30 a 20.30 horas e os días non lectivos serán de luns a venres e abrirase tamén pola mañá de 08.00 a 14.00 horas e os sábados de 08.30 a 13.30 horas. “A posibilidade de modificar o horario nos días non lectivos, como en Nadal, en Semana Santa ou en verán, tamén se valorará coa empresa que teña a concesión propoñendo a posibilidade de poder abrilo os días non lectivos soltos, como os festivos que cadren no medio da semana”, sinala López.
Contratarase a un monitor, a un coordinador e a un profesor. Os prezos que deberán pagar as familias oscilarán entre os 0 e os 100 euros ao mes. “As familias segundo a súa renda haberá quen non teña que pagar nada e o máximo que terán que abonar os demais serán 100 euros”, sinala a concelleira de Benestar Social, Educación e Igualdade, Amalia Goldar. A concelleira apunta que ademais as familias numerosas terán un desconto. “O custe do servizo é maior, estimamos sobre 60.000 euros, dos cales 12.000 asume o Concello xa de maneira directa, por ceder a instalación municipal e todos os gastos que conleva isto, 20.000 estimados que poñen as familias e 28.000 que pagamos con fondos, por iso a licitación sae por 48.000 porque xa se supón que os 12.000 os pon o Concello”, explica o rexedor.
O goberno ten previsto ter adxudicado o servizo a principios do mes de marzo para a mediados deste mesmo mes xa arrancar co servizo. “Esta é unha das grandes demandas que temos por parte das familias e o importante é que a empresa teña actividades atractivas. Non vai ser só unha ludoteca, vai ser un centro para ter tamén clases de reforzo e para que funcione ben ten que ser un centro moi flexible que permita facer moitas actividades”, indica o alcalde que é consciente de que este é un servizo que funciona moi ben noutros concellos. López adianta, que a pesar de que este servizo se ofrecerá por un ano, o seu obxectivo e consolidalo na Estrada contribuíndo dalgún xeito, a fomentar o incremento da natalidade aportando facilidades para a conciliación laboral e familiar.






































