O Concello da Estrada participa na cuarta edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galicia

José López, Juan Constenla, a EMAE e Tequexeltédere viaxan esta fin de semana a Braga para formar parte dos actos nos que se recorda a Rosalía de Castro

 

A cidade portuguesa de Braga poñerá o domingo o punto e final á celebración da cuarta edición da Semana Cultural de Convergências Portugal-Galicia que comezou o pasado día 18 e que ten como finalidade homenaxear, a través da música, literatura e poesía, a dúas figuras importantes da Cultura de Portugal e Galicia: José Afonso e Rosalía de Castro.  A parte dos propios actos que o Concello da Estrada fará no municipio, o martes 27 e o sábado 3, para lembrar á poetisa galega máis universal, unha delegación da Estrada quere estar presente nesa homenaxe fóra de terras galegas. Por este motivo, esta fin de semana o alcalde José López, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e a Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere viaxarán a Braga para formar parte destes actos. Ademais, a EMAE e Tequexetédere completarán as actividades da programación xa que entre estas atópase mañá a representación do seu espectáculo Voa.

 

Esta é unha semana chea de música, libros, tertulias, poesía e teatro. Para mañá sábado terá lugar a unión de Freguesías de Nogueiró e Tenoes e está prevista, sobre ás 11.00 horas a inauguración da Praceta Rosalía de Castro. “Seremos recibidos polo alcalde da cidade e despois asistiremos a inauguración desa nova praza en honor a Rosalía”, apunta o alcalde, José López. Ademais, o rexedor, indica que aproveitarán a visita ao país luso para promocionar o Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, que xusto parte desde Braga. Desde aquí discorre pola Geira Romana, calzada romana que unía Braga e Astorga ata a Portela do Homen (fronteira con Galicia) e despois continúa pola principal ruta do Arrieiros que transportaban o viño ata Santiago. O camiño da Geira Romana e dos Arrieiros atravesa o municipio estradense de sur a norte pasando polas parroquias de Sabucedo, Codeseda, Nigoi, Tabeirós, Guimarei, A Estrada, Toedo, Baloira, Santa Cristina de Vea, San Xurxo de Vea e Couso.

 

Pola noite, a EMAE E Tequexetéldere interpretarán Voa. Voa é unha iniciativa que xorde da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada (EMAE) e da Escola de Baile, Canto e Música Tradicional Tequexetéldere co obxectivo de honrar a lembranza dun autor universal: Xosé Neira Vilas e é interpretada por medio cento de persoas. Adaptada a partir da novela O espantallo amigo, a peza, duns 50 minutos de duración, é un canto á liberdade e á amizade. Un alegato pacifista no que a concordia, a solidariedade e a harmonía entre diferentes constitúe o cerne do relato. Na historia, o tío Ramón decide construír un espantallo para defender unha figueira das peteiradas voraces dos merlos, pero o boneco, no canto de espantar aos animais, decide facerse amigo deles e sementar a concordia entre todos os habitantes da horta.

 

O espectáculo vai dirixido ao público infantil e familiar e inclúe ademais varios poemas do libro infantil Cantos de sol a sol. A dramaturga encargada da adaptación foi Ana María Carreira, gañadora, entre outros galardóns, do IV Premio de dramaturxia Varela Buxán.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta