A concellería de Turismo do Concello da Estrada, dirixida por Óscar Rancaño, traballa asiduamente no fomento dos atractivos turísticos do municipio. Con este fin, hoxe aprobouse en xunta de goberno, a sinatura de dous convenios, por un total de 5.000 euros, con dous colectivos para dinamizar e promocionar os recursos turísticos.
Por unha banda, o goberno decidiu aprobar a sinatura do convenio de colaboración para o ano 2018 coa Asociación Codeseda Viva concedéndolle unha subvención nominativa de 2.000 euros. Este colectivo está moi comprometido coa difusión turística da Estrada, mostra diso é o óptimo posicionamento do dominio codeseda.com en Google para a busca Turismo Rural de Galicia. Así mesmo, destaca a visibilidade nas distintas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter) de Codeseda Viva que superan a proxectos de concellos de primeiro nivel no eido turístico. Ademais do pulo que aporta este colectivo ao turismo estradense en xeral, ten un papel primordial na posta en marcha e mantemento da ruta de senderismo Ruta Codeseda-Rapa das Bestas de próxima homologación.
Por outro lado, na xunta de hoxe asinouse un convenio, a través dunha subvención nominativa de 3.000 euros, coa Asociación de Turismo Rural Mar de Compostela tamén polo seu papel tan importante na difusión do patrimonio turístico do Concello da Estrada, así como na organización de eventos de carácter turístico deste concello.






































