A partir deste domingo día 8 ás 19.00 h, no Local social de Cereixo, botará a andar polas parroquias estradenses a nova xira do ciclo de dinamización cultural no rural O teleclub da comedia.
A xira, que se prolongará ata o mes de xuño, comezará coas seguintes actuacións: Isi en Cereixo (8 de abril) As Lerchas en Sta Cristina (15 de abril), Manolo do Atlético e o Mago Toño en Toedo (21 de abril), o Padre Xiao e o Padre Merino en Cora (28 de abril), as Lerchas en Oca (28 de abril) e Pablo Chichas e Miguel Guido na residencia da 3ª Idade da Estrada (5 de maio); emprazamento que nesta edición se engade ao amplo abano de locais participantes.
O elenco de artistas está conformado, na súa meirande parte, por artistas e agrupacións estradenses coa colaboración puntual de compañías foráneas prevalecendo o formato monólogo pero deixando oco tamén a outras disciplinas como o teatro, a maxia, a música ou o clown. Isi, Chelo do Rejo, Manolo do Atlético, O Mago Toño, o Padre Xiao, o Padre Merino, Sali Torres, Mari Rivadulla, Pablo Chichas ou a compañía Disfunción Continua serán algúns dos artistas participantes.
Esta é unha iniciativa que pretende descentralizar as actividades culturais achegándoas, na medida do posible, a aqueles ámbitos de poboación rural desprovistos de infraestruturas; favorecendo, por unha banda, a captación de público e a consolidación dun ciclo de exhibición cultural permanente. Isto, sen esquecer, que a programación destas actividades, serve tamén para poñer en valor espazos como antigas escolas, teleclubs e outros locais sociais, presentes en cada parroquia.
Dende o ano da súa implantación hai 7 anos, son preto de 150 as funcións programadas, 21 artistas e compañías participantes e arredor de 3.700 espectadores reunidos. Un ciclo que este ano presentará 14 novas actuacións no vindeiro outono.






































