A limpeza caprichosa das cunetas do lugar de Vilacriste, contrasta co abandono xeral de todo o rural.
O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, denunciou hoxe en rolda de prensa a utilización da maquinaria do concello para uso exclusivamente persoal que está a facer a concelleira de desenvolvemento rural, Anxos Pais.
O concelleiro nacionalista, que se desprazou até o lugar onde reside a concelleira, puido comprobar in situ, “a limpeza selectiva das cunetas que se levou a cabo no lugar de Vilacriste, parroquia de Cora, onde vive a concelleira”.
Segundo explicou o concelleiro nacionalista, “foron os propios veciños do lugar os que puxeron en coñecemento do BNG a utilización da maquinaria do concello para limpar as cunetas da fincas da concelleira, deixando intacto o resto do lugar e da parroquia”. “Así”, engadiu o concelleiro nacionalista, “puiden observar como hai unha limpeza intermitente e
selectiva, feita a capricho da concelleira, utilizando maquinaria do concello”.
“O alcalde terá que dar explicacións destes graves feitos, porque de non ser así, será cómplice do que está a facer a concelleira de rural, Anxos País”, explicou o concelleiro do BNG.
O resto a monte
“Non é de recibo que a concelleira limpe coa maquinaria do concello as cunetas das súas propiedades mentres que todo o rural da Estrada está a monte”, afirmou o concelleiro do BNG. “Mais non só os viais que dependen do concello, senón os viais da deputación e da Xunta teñen tanta vexetación nas súas marxes que son un verdadeiro perigo para o tráfico que circula por elas”, explicou Xosé Magariños.
“Neste sentido”, engadiu o concelleiro nacionalista, “esixo ao alcalde da Estrada que empregue a maquinaria do concello para facer unha limpeza exhaustiva das marxes de todos os viais que son da súa competencia, no canto de limpar só as dos amigos ou as dos seus concelleiros”. “Os veciños da Estrada pagan impostos para ter servizos, non para que se sirvan só os do PP”, afirmou Magariños.
“Por outra parte”, explicou o concelleiro do BNG, “xa é hora de que o alcalde pete nas portas da Xunta e da deputación para que fagan os deberes que teñen pendentes na Estrada, porque de seguir así os viais acabarán pechados pola vexetación”.
Redacción: BNG de A Estrada
Fotografía e Gravación: Iria Eiras






































