Quedan seis meses, todo un verán por diante ata que Luis Piedrahita poña en pé o Teatro Principal da Estrada co espectáculo Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas o venres 9 de novembro ás 21.00 h. Pero a popularidade do artista coruñés e a grande expectación que levanta a súa xira en Galicia fan que a produtora Etiqueta Negra se vexa obrigada a poñer á venda as entradas.
No Concello da Estrada poderán recollerse a partir deste próximo luns a un prezo de 15,00 € patio de butacas e 12,00 € no palco. As entradas venderanse no departamento de Cultura, en horario de oficina, ou na páxina web www.entradas.ataquilla.com.
Con este espectáculo, o polifacético artista sobe ao escenario para demostrar durante 80 minutos que o humor é unha arma de construción masiva. Este espectáculo transmite que a vida é como un hotel: un sitio no que se está pouco tempo e do hai que levar todo o que se poida. O seu humor, recoñecible e cotiá, ensina a desactivar a envexa, o egoísmo, a desconfianza… En Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas, Luís constrúe un mundo no que todas esas miserias seguen existindo pero lonxe de xerar sufrimento, desatan as gargalladas máis liberadoras.
Luis Piedrahita (A Coruña, 1977) é humorista, escritor, director de cine e ilusionista. Despois de 18 anos de éxitos presentando os seus espectáculos de stand up por España e Latinoamérica, agora presenta a súa nova proposta: Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas. Un texto intelixente que reivindica a imaxinación e o humor máis próximo á poesía. O humor dos pequenos obxectos.






































