Xosé Magariños: “Puxémonos de acordo para presentar unha alegación conxunta, agora é o momento de que A Estrada diga non a este proxecto mineiro, é o que nos piden veciñas e veciños”
O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, manterá unha rolda de contactos entre todos os grupos con representación no concello para acadar un acordo conxunto contra a mina de Touro.
O concelleiro nacionalista explicou que “o pasado mes de novembro demos un paso importante cun acordo entre as forzas para consensuar unha alegación conxunta contra o proxecto mineiro de Touro que poñerá en risco a biodiversidade do río Ulla, un río de vital importancia, non só ambiental, senón tamén cultural e económica para o noso concello”.
“Este paso importante que demos conxuntamente”, engadiu Xosé Magariños, “ten que transformarse agora nun rexeitamento unánime contra a mina de Touro. É o que nos pide a rúa, o que nos piden veciños e veciñas, que ven con inquietude polas repercusións negativas que vai ter este proxecto para o río Ulla”.
—






































