Sabucedo adica o cartaz da Rapa das Bestas 2018 ao aloitador falecido Juan Carlos Monteagudo

 A imaxe promocional, tomada por Javier Lalín na solta do ano
2002, supón unha homenaxe e recoñecemento ao seu traballo
 O fotógrafo Luis Vázquez inaugura mañá á tarde na Leica
Store de Porto a exposición “Cabalos do Vento”

 

-A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo vén
de presentar o cartaz promocional da edición 2018, que está adicado a Juan Carlos
Monteagudo Bugallo, veciño da parroquia, aloitador e traballador incansable coa
eguada do Santo e na organización desta festa e que faleceu o pasado inverno. Deste
xeito, o colectivo quere renderlle unha sentida homenaxe e o máximo recoñecemento
pola súa traxectoria en A Rapa das Bestas e, sobre todo, polo seu carácter afable e a
súa bondade. “Sempre foi un moi bo veciño e unha mellor persoa e amigo”, detallou o
presidente da entidade, Henrique Bazal.
A imaxe promocional, que se difundirá por medio mundo durante as vindeiras seis
semanas ata a celebración desta secular tradición, foi tomada polo fotógrafo
estradense Javier Lalín Valcárcel (1976) durante a solta das bestas celebrada na tarde
do luns da edición do ano 2002. Trátase dunha espectacular instantánea realizada na
pista de baixada do telecluble na que Juan Carlos Monteagudo contén coa súa
presenza ás preto de 400 bestas que acudiron ese ano ata a aldea.
Bazal admitiu que esa fotografía “sempre chamou a atención entre moitos membros da
entidade pola súa singularidade” e explicou que este ano decidiuse de xeito unánime
entre toda a veciñanza de Sabucedo que fose o cartaz promocional “por unha cuestión
simbólica e sentimental, aparte da incuestionable beleza da imaxe, xa que Juan
sempre quixo, defendeu e traballou sen desmaio pola Rapa, aparte de ser unha gran
persoa, polo que o mínimo que podíamos facer era renderlle esta merecida
lembranza”.
Exposición en Portugal
Por outra banda, as actividades en torno á Rapa das Bestas 2018 seguen a
intensificarse a medida que se achega o 6 de xullo, que será a súa data de inicio este
ano. Así, o fotógrafo Luis Vázquez, de Curiara Photography, inaugura mañá, ás 18.00
horas, a exposición “Cabalos do Vento”, realizada en Sabucedo, na Leica Store de
Porto. Estará acompañado por representantes de Rapa das Bestas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta