O deputado de Turismo, Santos Héctor, visitou esta mañá o concello da Estrada para facer entrega ao alcalde, José López Campos, de dous camións para a recollida do lixo, cuxo coste está subvencionado ao abeiro do “Plan Concellos”. Trátase de dous vehículos, un deles con motor diésel de 310 CV e o outro con motor diésel de 300 CV, aos que a Deputación de Pontevedra destinou en total 438.961,38 euros. Ambos camións teñen unha garantía de tres anos, incluíndo as tarefas de mantemento.
Máis polo miúdo, a Estrada tamén recibiu 54.450 euros do Plan Concellos para a adquisición de 300 colectores de RSU, 64.432,50 euros para os soportes dos mesmos e tamén 128.000 euros para a compra de 150 colectores de RSU de 2.200 litros para recollida lateral. Deste modo, no marco do Plan de Concellos, a institución provincial subvencionou ao concello da Estrada cun total de 685.843,88 euros para a recollida do lixo.
O deputado Santos Héctor saudou “de forma moi positiva a elección de investir os cartos do Plan Concellos nun servizo que mellora a vida da xente e o medio ambiente”. Pola súa parte, o alcalde da Estrada, José López Campos, agradeceu o investimento provincial “xa que son case 700.000 euros que se non fora polo Plan Concellos, non poderíamos levar a cabo”
A Deputación de Pontevedra destinou o pasado ano á Estrada 1.564.821,33 euros no abeiro do Plan Concellos. Este ano, a institución provincial incrementou a contía nun 73,10% polo que pon a disposición da vila preto de 2,7 millóns de euros para realizar investimentos, afrontar o pago de gasto corrente novo así como actuacións culturais, deportivas e sociais e contratar persoal para garantir os servizos municipais.
En case tres anos de lexislatura, o goberno de Carmela Silva destinou á Estrada preto de 8 millóns de euros a través de diferentes servizos da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, desde Cooperación destináronse máis de 6 millóns de euros á vila a partir do Plan Concellos e tamén do II Plan de Conservación. Tamén, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou á Estrada preto de 53.668,80 euros destinados a axudas para entidades sociais, amais da participación das veciñas e veciños nos programas “Depoaventura A Lanzada”, “Depo en Marcha”, “DepoRúArte”, “Depotermal” e “En Ruta coa Depo”.
No que respecta ao servizo de Cultura, as achegas por parte da Deputación foron 158.311,29 euros destinados á asociacións sen ánimo de lucro para actividades culturais, adquisición de instrumentos, vestiario ou mellora de infraestruturas. Así mesmo, dentro desta área, tamén se achegaron subvencións para o conservatorio e escola de música, axudas para actuacións enmarcadas no Pontegal, subvencións para a dinamización lingüística, para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, para o Ano Castelao e para o Ano do Patrimonio e para a realización de festivais musicais e de artes escénicas.
No eido dos Deportes, a vila recibiu tamén nestes últimos tres anos do goberno da Deputación de Pontevedra 142.787,90 euros que comprenden dende subvencións para o deporte federado ata clubs en rexional preferente, nacional e para deportistas e clubs extraordinarias. Así mesmo, tamén se outorgan axudas para a Copa Deputación de Pontevedra e para actividades deportivas.
En canto á área de Igualdade, a Estrada beneficiouse con preto de 90.000 euros a través do programa “Conectadas” e a performance de “Mulleres en acción: Violencia Zero”. Pola súa banda, en Emprego a vila beneficiouse de máis de 190.000 euros a través do Plan de práctica laboral desde o ano 2015 ata este mesmo ano.
Desde Mobilidade destinouse ao concello máis de un millón de euros para mellorar o trazado e a seguridade de vías, para a construción de muros e obras de emerxencia en estradas provinciais, así como para a posta en marcha de novos pasos peonís e sinais, pintado de estradas e limpezas das mesmas. A Estrada tamén recibiu nestes tres anos de goberno de Carmela Silva preto de 90.000 euros do servizo de Medio Ambiente. A través destas achegas realizáronse actuacións de mantemento nos campos de fútbol de herba natural da vila, concedéronse achegas ás cooperativas agrogandeiras e asináronse convenios con asociacións do concello.
Xa por último, o goberno de Carmela Silva achegou máis de 54.400 euros ao concello en materia de Novas Tecnoloxías, a través do programa “SmartPeme”, e preto de 5.000 euros desde Comunicación que permitiron imprimir 6.000 revistas e 1.300 carteis de actividades da vila.






































