O goberno municipal vive de rentas do que pagan outras administracións.
José López e os seu “esprin” de maquillaxe antes das eleccións.
A un ano de que remate a lexislatura actual, despois de 2 lexislaturas con maioría absoluta de José López na Estrada, con goberno amigos –tamén en maioría absoluta do PP- na Xunta e en Madrid o certo é que a Estrada atópase nun claro retroceso: parálise laboral, industrial, multitude de comercios pechados, caída demográfica, abandono no relativo a infraestruturas ou outros proxectos de melloras nas parroquias, e políticas de pago en necesidades relativas a calidade de vida dos veciños e veciñas.
José López contou con todos os ventos a favor, e a pesares diso os gobernos de Rajoy como presidente deixan aos estradenses 11.405.000 € perdidos con respecto ao proxecto da Variante da Estrada. As falsas promesas con respecto á Autovía son a única realidade neste proxecto, pero tampouco hai ningún cambio en calquera das outras carreteras da Xunta polas que os estradenses pasamos día tras día.
Con respecto ao goberno municipal, cero inversións propias, “José López vive do que outras administracións gastan na Estrada”. As responsabilidades e competencias municipais estanse a pagar cos cartos da Deputación de Pontevedra: 7,9 millóns nos últimos 3 anos. Pero o escandaloso xa non é isto, se non que o goberno municipal non é nin capaz de executar os gastos que realizan outras administracións en favor dos veciños e veciñas da Estrada. Sen ir máis lonxe, hai proxecto financiados pola Deputación en 2016 dos que os veciños e veciñas inda non nos podemos beneficiar porque o goberno municipal inda non os puxo en marcha posto que leva 3 anos vivindo só para a alameda e para facer propaganda.
Á hora de dinamizar a economía local, o alcalde José López optou por realizar cero adxudicacións a empresas locais, “só saben contratar empresas de fóra que casualmente teñen “amiguetes” en postos de dirección”. As necesidades do día a día dos veciños foron relegadas ao esquecemento, tanto é así que as infraestruturas e pistas das parroquias están en estado lamentable, de absoluto abandono durante esta lexislatura e durante a pasada. “Só lle acordan as parroquias en vésperas das eleccións”. Unha vez máis pretende tratar aos veciños de tontos e xa anunciou campaña de camións de asfalto a realizar agora a finais da lexislatura: anuncia que vai asfaltar entre 1 e 2 pistas por parroquia antes da eleccións, “despois de ignorar aos veciños 3 anos pretende ir pedir os votos outra vez cun caramelo de asfalto debaixo do brazo”, o que non di e que leva 3 anos sen facer o mantemento dos viais a propósito posto que non lle interesou executar os proxectos de asfaltados que a deputación ou outras administracións financiaron para a Estrada e acumulou o dos 4 anos de lexislatura para executar agora antes das eleccións. “non contento con isto, xa anunciou que pretende agotar tamén a partida 1,2 millóns da Deputación de Pontevedra correspondente ao ano 2019 en asfalto e gastala antes das eleccións. Se ben é certo que a Deputación autoriza a destinar este diñeiro a esta finalidade o certo é que o prazo de solicitude para poder facelo xa rematou e o Concello da Estrada foi un dos poucos que non formalizou a solicitude de nin un só proxecto, inda que o alcalde segue a facer anuncios de pistas. Xa non é a primeira vez que A Estrada perde diñeiro da Deputación por non presentar as solicitudes –inda despois de ter dito que si o ía facer-. Neste caso pertenderá ir no segundo remplazo e despois culpar aos outros das súas neglixencias”.
Pero, cando falamos de falta de eficiencia na xestión do día a día non nos referimos só o mal estado dos viais no rural, podemos citar tamén o mobiliario podre nas rúas estradenses, a nave da praza provisional desmontada e apilada á choiva oxidándose, a maquinaria municipal á intemperie porque os garaxes municipais xa non se poden usar ou pavillóns municipais privatizados. Todo esto son mostras do resultado da acción da maioría absoluta do goberno do PP na Estrada, “o goberno máis caro de todos os tempos non está a facer os seus deberes”.
Ademais, este panorama do día a día na Estrada compleméntase con prepotencia e nula vontade política por parte do alcalde José López de considerar as propostas das outras forzas políticas (que representan a máis do 50% dos veciños e veciñas da Estrada) e nun constante desprezo polo seu traballo. Nun nulo diálogo para afrontar decisións que afectan a Estrada ou ao persoal municipal (máis procesos xudiciais en materia laboral contra o Concello que en todas as lexislaturas anteriores) e nunha constante campaña de cara á galería que non recolle as prioridades dos veciños e veciñas. “A preocupación é José López é el mesmo (quedou claro na importante subida do seu salario que aprobou nesta lexislatura), por iso prefire facer propaganda a facer os deberes. Faga o seu traballo alcalde, que para iso e para o que lle pagamos os estradenses”.
Grupo Municipal Socialista






































