Hoxe celebrouse a cerimonia de clausura da quenda de xullo do campamento deportivo de verán da Estrada. O acto presidido polo alcalde do municipio, José López, consistiu na entrega de diplomas e camisetas aos nenos e nenas que desfrutaron do campamento ao longo deste mes.
Arredor de 240 cativos finalizan o vindeiro martes a súa estadía no campamento de deportes que, como cada ano ten lugar na Estrada e arredor doutros 80 tomarán o relevo o mércores, cando comeza a quenda de agosto.
Durante esta quenda, así como na que está por chegar, os rapaces desfrutaron da práctica de deportes como balonmán, baloncesto, fútbol e fútbol sala, natación, hockey, sendeirismo e outros deportes máis ao aire libre, sempre baixo a sinxela premisa de que o deporte que se practica hoxe, non se repite mañá.
Entre as actividades a realizar tamén se atopa unha excursión a Cerceda, onde os rapaces e rapazas participan nun tríatlon na zona deportiva da localidade. 






































