Instamos ao alcalde a facer as xestións oportunas con Fenosa (Naturgy) para que esta empresa invista o necesario na mellora da infraestrutura eléctrica para que os veciños e veciñas non sufran estes cortes inxustificados da luz eléctrica.
Ao longo deste mes de xullo os veciños e veciñas de Vea sufriron dous cortes de luz de varias horas de duración; o primeiro foi o 14 de xullo e o último na madrugada do venres 27.
Desde o BNG consideramos inaceptábeis os continuos cortes de luz que sofren, neste caso en Vea, mais podería ser en calquera outra parroquia da Estrada. É inaceptábel porque non hai causa meteorolóxica aparente, que poida xustificar estes cortes, o que demostra que o ocorrido no temporal de febreiro de 2017, non só foi debido ao temporal, senón posibelmente á anticuada infraestrutura eléctrica de Gas Natural Fenosa, agora Naturgy, que debería investir máis cartos en mellorar as liñas, no canto de gastar tanto en propaganda.
Desde o BNG da Estrada instamos ao alcalde a facer as xestións oportunas con esta empresa, que dá servizo a práctica totalidade dos veciños e veciñas da Estrada, para que non volvan a ocorrer cortes de luz como os que veñen de sofrer en Vea. A electricidade é vital para todos e todas, non só para o día a día das familias, tamén para as empresas. Non é de recibo que a estas alturas de século teñamos cortes de luz. A empresa Naturgy terá que facer os investimentos que sexan precisos na infraestrutura eléctrica para que os clientes, entre os que se atopa o propio concello, non teñan cortes inxustificados de luz.
—






































