O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, e a presidenta da Asociación Micolóxica da Estrada, Mercedes Nodar, presentaron hoxe o programa da Estrada Micolóxica 2018, baixo a que se organizarán unha serie de charlas e saídas en torno aos cogomelos programadas entre outubro e decembro.
O ciclo dará comezo coa charla “Iniciación á micoloxía”, impartida por Mercedes Nodar o 5 de outubro, e a esta seguiranlle “Xénero Leccinum”, impartida por Jaime Blanco Dios o 19 de outubro; “Da micoloxía á micoterapia” a cargo de José Antonio Loren o 2 de novembro; “Ascomicetos”, por José Castro Marcote o 16 de novembro e unha disertación titulada “Xénero Lepiotas” a cargo de Julián Alonso Diz o 1 de decembro. Todas elas terán lugar na Sala Abanca ás 20:00 horas.
As saídas ao monte están programadas para os domingos seguintes ás datas sinaladas, polo que se realizarán o 7 e 21 de outubro, o 4 e 18 de novembro e o 2 de decembro. Os interesados, salvo socios, haberán de inscribirse previamente ás mesmas, que contan cun límite de participación de vinte prazas, no enderezo de correo electrónico estrada.micoloxica@gmail.com. O punto de encontro de cara as saídas localizarase diante do Concello da Estrada ás 10:00 da mañá.
Por outra banda, a semana micolóxica se celebrará os días 28, 29 e 30 de novembro; datas nas que os expertos atenderán a todas as persoas que se acheguen a eles con exemplares de cogomelos para ser catalogados.
Trala presentación, Constenla brindoulle ao colectivo o apoio do Concello animou á veciñanza a participar nas saídas e actividades que este ten preparadas antes de que Noldar finalizase coas aclaracións de que este ano non haberá concurso de fotografía debido a baixa participación da última edición e de que está prohibido levar cestas para apañar cogomelos, xa que se trata de saídas formativas e non de recollida.






































