• O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos valora como
«positivos» os cambios desta edición e apela ao «traballo conxunto de
administracións, fundación e sector» para seguir impulsando o certame
• Anuncia que reunirá «en breve» aos expositores da contorna que acudiron
este ano e a outros que faltaron para «escoitar as súas opinións» e tratar de
convencelos de que asistan o vindeiro ano
O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da
Estrada, Nemesio Rey, cualificou hoxe como «satisfactorio» o balance da 32ª
Feira do Moble de Galicia desde a perspectiva da organización e asegura que
as cifras de visitantes e as valoracións xerais dalgúns expositores constatan
que o certame «aínda ten moito percorrido por diante, para que siga a ser o
referente do moble da Estrada en toda Galicia».
Na rolda de prensa ofrecida este mediodía no recinto feiral, Nemesio Rey
considerou que os cambios introducidos este ano -a eliminación dos stands
fixos, a redistribución dos espazos, a redución de nove a cinco días e a maior
aposta no eido da comunicación e o marketing- foron «positivos». «Non quero
ser triunfalista, pero sabemos que facendo así as cousas e seguindo con esta
dinámica, a Feira do Moble pode superar as cifras deste ano, que xa foron
realmente boas», apuntou.
Para iso, apelou ao «traballo conxunto das administracións, a fundación e o
sector» para seguir impulsando a feira. Desde a perspectiva da fundación,
asumiu o reto de «tentar traer aínda máis mobles que este ano, incluso
aumentando algún pavillón o ano que vén», para responder á demanda
manifestada nas enquisas polos visitantes, que desexan contar con máis
stands de mobiliario e cunha maior diversidade de oferta e de estilos.
De cara ao futuro, o xerente da fundación anunciou que «en breve» convocará
unha reunión co sector do moble, priorizando aos expositores que participaron
nesta edición da feira, pero convidando tamén a aqueles que non o fixeron para
«escoitar as súas opinións» e tentar convencelos de que asistan o vindeiro ano.
«Nós facemos a nosa valoración, pero tamén queremos escoitar o que os
expositores viron desde os seus stands, desde dentro da feira, para, entre
todos, seguir cambiando e mellorando cousas», remarcou.
En canto aos posibles cambios, Nemesio Rey apuntou que unha das cuestións
que se valorará será a ampliación do horario de peche, pasando das oito da
tarde ás nove, así a potenciación dos showcookings e a incorporación «doutras
actividades paralelas que chamen realmente a atención».






































