A Concellería de Sanidade e Turismo do Concello da Estrada organiza un obradoiro sobre a cultura castrexa para os vindeiros venres 19 e sábado 20 de outubro. As persoas interesadas en participar nas actividades do obradoiro terán que inscribirse previamente a través do enderezo electrónico sanidadeeturismo@aestrada.es.
A actividade do venres consistirá nunha conferencia impartida polos relatores Estevo Amado Rodríguez e Julia Marín Ramírez, baixo o título “A alimentación e a produción téxtil na cultura castrexa, actividades imbricadas”, que comezará ás 19:30 horas na planta baixa da Casa das Letras. A entrada para a actividade é aberta e gratuíta.
Para o sábado, a partires das 11:00 horas, estes mesmos expertos dirixirán unha visita guiada ao Castro de Callobre, na que impartirán un obradoiro titulado “Prospección, identificación e conservación de xacementos castrexos”.
Paralelamente a este obradoiro, cabe destacar a existencia dun paquete turístico ofertado dende a web de turismo do Concello, baixo o lema “Workshop: la cultura Celta en Tabeirós-Tierra de Montes” no que, a partir dos 42 euros por persoa da opción máis básica, os interesados poderán desfrutar dunha estancia de dúas noites coincidentes coas datas do obradoiro nunha casa de turismo rural. As persoas interesadas poden atoparán a información acerca da maneira de realizar as reservas no número de teléfono 631179252 ou no enderezo electrónico info@turismoruraldegaliciaexperiencias.com.






































