A Rapa das Bestas comeza a promoción da edición 2019 na Feira de Turismo Ecuestre de Córdoba

 Manolo Cabada, en representación da asociación, fixo a
presentación do certame cando aínda restan oito meses
 A festa, de interese internacional, espertou un gran interese e
establecéronse moitos contactos con touroperadores

 

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo
vén de comezar esta mañá as labores de promoción nacional da edición 2019 desta
festa de interese turístico internacional, que se celebrará do 5 ao 8 de xullo, coa
primeira presentación desta tradición secular na Feira Internacional de Turismo
Ecuestre de Córdoba.
Manolo Cabada, en representación do colectivo, foi o encargado de facer a
presentación do certame –a primeira pensando na vindeira edición cando aínda restan
máis de oito meses para a cita– e destacou o elevado interese e o asombro espertado
entre os asistentes, principalmente touroperadores de todo o mundo e público en
xeral. “Recibín moitas felicitacións pola espectacularidade e singularidade da Rapa
das Bestas, que chamou moito a atención porque se saia do común nas
presentacións, todas moi boas pero moi parellas, xa que se centraban no turismo
dacabalo”, explicou.
Tras este acto, Cabada comezou co traballo institucional no stand da Rapa das Bestas
e estableceu contactos con moitos touroperadores, especialmente estranxeiros,
interesados en poder ofrecer paquetes turísticos e de experiencias sobre esta festa. A
falla de que conclúa a feira durante estes días e de que se materialicen estas
negociacións, as perspectivas de crecemento da Rapa, sobre todo entre os turistas
norteamericanos e ingleses, son moi boas.
“Aínda que resta moito tempo para a Rapa, somos unha festa moi importante, de
carácter internacional, icónica de Galicia e única no mundo e todo o traballo de
promoción é necesario, porque aparte de dinamizar a nosa aldea e o rural de interior,
tamén serve para transmitir os nosos valores de cariño e coidado das bestas libres e
salvaxes e do medio ambiente”, explicou Cabada.
Finalmente, ao longo da fin de semana tamén se achegarán, en labores de apoio e
para colaborar coa promoción, un par de aloitadores de Sabucedo que levan varios
anos residindo en Andalucía.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta