O concelleiro do BNG insta ao alcalde a que levante o teléfono para urxir á Xunta o desbroce inmediato desta estrada
Xosé Magariños explicou que “a estrada PO-505 é unha selva, está practicamente tomada polos toxos e todo tipo de especies arbustivas”. “Hai moitos meses que esa estrada non ve unha desbrozadora da Xunta nin en pintura”, afirma o concelleiro do BNG, “tal é a altura que teñen os arbustos que tapan por completo case todas os sinais de tráfico, por moi grandes que estas sexan”. “É como meterse nun túnel”, indicou Magariños.
“Cústanos crer que non lle chegaran ao alcalde queixas o estado lamentábel desta estrada”, afirmou Magariños, “unha estrada da Xunta non pode estar nestas condicións, e menos cando é a entrada dunha autoestrada, a parte de dar servizo aos veciños e veciñas de Orazo”. “Por iso”, engadiu o concelleiro nacionalista, “desde o BNG instamos ao alcalde a levantar o teléfono e chamar á Xunta para que pasen unha desbrozadora antes de que remate o mes, porque isto é unha vergonza, non se poden ter as estradas neste estado polo perigo que conleva para os condutores, non se ven nin os sinais de tráfico”.
“Por outra parte”, explicou Magariños, “insistimos unha vez máis na necesidade de cambiar o acceso á PO-505 no Alto da Rocha”. “Tal e como está é infranqueábel para os camións pesados que queiran acceder á autoestrada Santiago-Ourense”, afirmou o concelleiro do BNG.
—






































