Os elementos de xogo retirados tralo inicio das obras da Alameda, susceptibles de ser restaurados, instalaranse noutros lugares, así como a Praza do Mercado, no entorno da feira ou da nova gardaría, segundo informou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.
Os xoguetes desmontados atópanse actualmente en Guimarei, onde esperarán a seren restaurados para, a continuación, instalarse nos novos emprazamentos. A zona da Praza do Mercado é unha opción viable para eles, aínda que non a única, onde existen peticións dos veciños que instan a instalar elementos deste tipo. Unha zona que está recuperando actividade e se atopa cada día máis concorrida, debido á proximidade do aparcamento e á diversidade de servizos nas proximidades.
Ademais da inclusión de elementos de xogo vaise traballar na praza na reposición de dúas columnas e unha travesa que forman parte da pérgola e colocar plantas de xeito que, xunto ás existentes, que haberá que podar e reconducir, subministren sombra á zona.






































