
Na tarde de onte martes, veciños e veciñas da Estrada puxeron en coñecemento do BNG que as portas do punto limpo estaban abertas de par en par e sen control de ningún tipo por parte do persoal do concello. O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, que se achegou até o lugar puido comprobar como efectivamente o espazo estaba totalmente desamparado, nunha xornada na que teoricamente estaba pechado ao público, avisando á policía local da situación.
Para o concelleiro do BNG “esta é unha mostra máis da neglixente forma de gobernar A Estrada que ten o PP, pasotismo total e absoluto”. “Non é de recibo que as portas do punto limpo estean abertas de par en par sen vixilancia nin control de ningún tipo”, afirmou, “nunha contorna moi propicia para que os amigos do alleo campen ás súas anchas, fagan un self service, como xa temos denunciado en reiteradas ocasións no caso do matadoiro que está totalmente desmantelado, sen que o concello faga nada por solucionalo”.
Por outra parte, o concelleiro nacionalista amosou a súa indignación “polo desprezo deste goberno do PP á preocupación que teñen os veciños e veciñas por reciclar e por levar o seu lixo ao punto limpo e sen embargo non vemos unha correspondencia por parte do goberno do PP mantendo e controlando o espazo”.
“Como xa dixemos en reiteradas ocasións”, indicou Magariños, “a única prioridade para o goberno do PP é a Alameda, á que fía o seu futuro político na Estrada, mais no concello hai outras prioridades e necesidades máis apremiantes como pode ser prestar uns servizos adecuados ou arranxar problemas enquistado, como é a traída, que onte unha vez máis volveu rachar por Fernando Conde, deixando aos veciños do barrio sen agua”.
—
BNG da Estrada






































